de mudanza

hoxe deixo esta casa de blogaliza que me acolleu durante tanto tempo e á que lle agradezo moito tan bo trato.

voume para unha casa nova onde estou rematando de instalar todas as miñas maletas (que non son poucas).

a nova casa navega grazas ao bo facer do meu amigo da alma amador loureiro (dorfun).

a partir de agora, poderedes atopar o blog neste novo enderezo:

http://luagris.net/blog

Fóra de campo

en 2013, o outono fotográfico de ourense propúxolle ao meu amigo ignacio castro “nachok” que presentase unha proposta para a edición dese ano. ignacio decidiu abrir o xogo e propúxonos a caxigueiro, ernesto gonzález torterolo e mais a min que deseñásemos con el un proxecto conxunto para a exposición.

despois de varios encontros de traballo en foz, naceu o proxecto “fóra de campo”, unha instalación conxunta na que catro voces dialogan coa fotografía desde diferentes perspectivas e sempre desde as marxes.

a primeira inauguración foi na galería visol, en ourense, en 2013 e, máis recentemente, tivemos unha segunda na galería sargadelos de ferrol.

esta é unha foto que me fixo o ignacio mentres montábamos a exposición en ferrol.

eduardo_montaxe

para ver algunhas imaxes do proxecto, podedes ir por aquí.

de baleas

hoxe bota a andar un novo proxecto: de baleas, unha nova aventura de libro en construción. a posta de longo corre por conta dos amigos de palavra común que se interesaron na idea e fixéronlle un oco entre as súas páxinas.

tamén atoparedes aquí á dereita unha semente coas actualizacións.

encantaríame que acompañásedes a aventura coas vosas opinións e comentarios.

encantaríame máis que atopásedes aquí ese poema que vos deixe ver o mundo desde outra perspectiva.

navegamos!

cadea dos libros

non son nada nada fan das cadeas ou memes ou inventos análogos. pero penso que todos os que empezamos a responder a esta cadea dicimos algo semellante. como se fose preciso xustificar as cousas que un colga no seu blog. convídame a raíña vermella a este e non a vou deixar sen resposta.

1. o último libro que liches
digo a verdade ou saio correndo a ler un libro de poemas calquera para quedar ben? a verdade: rematei hai un par de días los pilares de la tierra (así estaba o título da versión que lin). literatura lixeira, entretida, desa que engancha. a continuación empecei a memoria da chuvia, de pedro feijoo pero téñoo interrumpido porque tiña agardando para ler o nº 15 de orsai que está moi ben. estouno acabando.
2. o libro que cambiou o teu xeito de pensar
non sei se hai un libro que cambiase o meu xeito de pensar. é que cambio de xeito de pensar tan seguido que non é doado saber a causa de cada cambio. podería dicir, si, algúns libros que cambiaron o meu modo de ver a literatura ou, con máis precisión, a poesía: los trabajos y las noches, de pizarnik, a poesía de kavafis, o libro sen título de celso fernández sanmartín ou un sendero nuevo a la cascada (vid. anterior aclaración entre parénteses), de raymond carver son algúns deles.
3. o último libro que che fixo chorar
así como podo chorar -e fágoo- con calquera película ou serie ou chorrada televisiva, non lembro ningún libro que me fixese chorar. si algunhas entradas do blog de hernán casciari. as vellas. así, sen pensar moito, escollo tres: esta e estas dúas que van fiadas.
4. o último libro que che fixo rir
de risa si que choro: o máis lonxe que lembro foi la vida exagerada de martín romaña (bryce etchenique) e, máis recentemente, el pibe que arruinaba las fotos (hernán casciari).
5. o último libro que prestaches e non che devolveron
non lembro… porque non presto libros nin me gusta que mos presten. non me gusta que mos presten porque os libros que leo quero que queden na casa. non os presto porque me esquezo e a maioría da xente non os devolve.
6. un libro que che emprestaran e que non devolveras
xa está respondido. con todo, lembro que unha vez, hai bastantes anos, prestei o Abecedario da desolación de miro villar e non mo devolveron. a cambio, a mesma persoa prestoume Las canciones de Bilitis, de pierre louÿs e non llo devolvín. el saíu gañando porque o libro de miro é magnífico e estaba autografado para min.
7. un libro que relerías
eses libros que dixen que cambiaron o meu modo de mirar a poesía linos moitas moitas veces. tamén a poesía de borges.
8. un libro para agasallar a cegas
o ático de arsenio iglesias, claro. o outono aquí de mario regueira, que dixo a raíña vermella, tamén.
9. un libro que te sorprendeu para ben
teño unha memoria pésima para o que leo. e son moi selectivo e despiadado: se non me convences na páxina dez déixote sen dubidalo. pero, curiosamente, lembro máis os libros que deixei que os que rematei. un que me encantou no seu día e pilloume por sorpresa foi morrer na herba, de aníbal malvar. por dicir algo.
10. un dos primeiros libros que liches na escola
libros, libros, así enteiros… unha cousa que se chama juvenilia, que me mandaron ler para o exame de ingreso ao instituto. non estaba mal pero non o relería. xa despois ficciones, de borges. os primeiros libros enteiros linos na casa. os dous que lembro con máis cariño son de maría elena walsh: cuentopos de gulubú e dailan kifki (este estámolo lendo meu fillo e mais eu polas noites).
11. un libro que roubaches
só lembro roubar un libro na miña vida: textos de sombra y últimos poemas, de pizarnik, nunha libraría da avenida corrientes, en buenos aires. preguntei o prezo dun libro, penso que era un de juan gelman, e dixéronme unha cifra tan obscenamente alta que me cabreei e roubei (outro, que non era cousa de roubar un libro demasiado caro). marchei da libraría cun agobio enorme que non se me pasara cando levaba bastante tempo camiñando entre a moita xente que hai sempre por corrientes.
12. un libro que atoparas perdido
non lembro tal cousa. hai pouco, iso si, collín un exemplar da memoria solar, de luz pozo, que estaba nun andel de “libros para coller” na porta da biblioteca do ágora, na coruña.
13. o autor do que máis libros tes
tería que contar pero teño moitas novelas de paul auster. case todas. mesmoa as malas. e é o único autor que agora mesmo me veña á cabeza ao que lle lin até o final mesmo as novelas que non me gustaron.
14. un libro valioso
teño dous exemplares da primeira edición de árbol de diana, de pizarnik. non sei se son moi valiosos porque se eu teño dous… pero é a cousa máis rara que teño. tamén teño fotocopiadas unhas edicións de pizarnik que estaban nunha biblioteca da universidade de buenos aires con adicatorias feitas pola autora.
15. o libro que estás a ler agora mesmo
isto xa o contestei máis arriba.
16. un libro que prohibirías
non, non. non prohibiría ningún libro. xente si: hai algunha xente que debería estar prohibida.
17. un libro que levas tempo querendo ler
en xeral o que quero ler, léoo sen máis voltas… sempre hai dous ou tres agardando na cola pero agora mesmo non me dou conta de ningún que sexa unha vella débeda.
18. o próximo libro que vas ler
sempre pode cambiar pero, cando termine con feijoo, seguramente lea más respeto que soy tu madre (de casciari). lino no blog pero agora teño o libro e quero volver lelo. estou casciari-adicto ultimamente. en xeral son bastante venado para a lectura: cando pillo unha teima, afundo nela ata fartarme. o de casciari está ben porque, ademais de todo, río moito. e iso é bo por onde se mire.
19. o libro que non lerías endexamais
non sei así, a bote pronto. pero eu non anatematizo libros porque, se son malos, como xa expliquei non me fan perder moito tempo: logo déixoos.
20. a túa triloxía ou saga preferida
o señor dos aneis, claro. lina completa, o hobbit incluído, varias veces (este podía entrar nesoutra pregunta anterior dos libros que relín, pero a resposta estaba tan poética que este quedou fóra).

feito. e penso que esta pola da cadea vaise cortar aquí aínda que iso signifique que vou ter unha enfermidade grave ou problemas no traballo nos próximos 7 días.

spirit en youtube

xa está dispoñíbel unha versión do vídeo do poema “spirit” en youtube.

estes son os créditos completos:

texto: eduardo estévez
música: mig seoane
harpa: olalla vidal
trompa: petete
montaxe: matías estévez
(2012)

mig, olalla, petete, matías: grazas!

http://youtu.be/2cuBlSvT9e8

unha dorna de pedra

hai tempo enviei un texto para o próximo número da revista dorna que edita, segundo di a wikipedia, a “cátedra de filoloxía galega” da universidade de santiago de compostela.

a boa xente do consello de redacción, amigos algúns deles, pasan todos os anos o seu traballiño facendo campaña para recadar colaboracións para cada número da revista. e eu, de vez en cando, fago a tempo de enviarlles un texto.

fíxeno este ano.

pero recibín onte un correo electrónico dun dos membros do dito concello de redacción dicíndome que o director da revista pedía que fixese modificacións no texto porque, iso-non-é-poesía ou iso-non-é-o-que-el-entende-como-poesía ou iso-non-é-o-que-se-debe-entender-como-poesía (non estou citando palabras da mensaxe recibida), afirmacións, calquera das tres, que neste caso pasarían por ser, triste e autoritariamente, pares.

pensei en propoñerlle ao amigo que facía de mensaxeiro que lle amosase ao director da revista un calendario no que quedase claro o ano no que vivimos. pero decidín, xusto a continuación, que mesmo iso era un esforzo inútil.

como resulta obvio, decidín retirar o meu texto da publicación. e aproveitar o blogue para deixar constancia da miña preocupación por que o ámbito do que se espera que sexa punta de lanza da innovación e da apertura mostre unha actitude tan rancia e caduca.

velaquí un poema tan rupturista que o director de dorna considera que non ten cabida na revista. (aínda que as ligazóns poderían ser postas doutro xeito, quero deixar o texto tal e como debería ter sido publicado en papel):

 

ms-dos
<-http://gl.wikipedia.org/wiki/MS-DOS
foto: pantalla de ms-dos

cd wp51

wp51(1) intro

todo negro

non hai fiestras

pero a escuridade
convida
a deseñar roteiros

as imaxes flúen
e a pantalla
vaise enchendo
de caracteres grises

fóra o sol
agáchase detrás
da montaña(2)
verde(3) multicolor

faise noite morna
no poema
xa case rematado

f10

volver ao comezo
reler tentando
percibir o recendo
nocturno
das follas

quitar un adxectivo
procurar a cor
máis precisa

f10

recomezar

ler en alto
para medir o tempo

lembrar o ritmo
do verso asmático(4)

mudar unha
palabra
para a
liña seguinte

reler

deixarse aturular
polo vento
no poema
e cando o corpo
sinta o pulso
das letras dentro

f7

e agardar
como nun viño
a maduración

(1) http://es.wikipedia.org/wiki/Word_Perfect
(2) http://pt.wikipedia.org/wiki/Cerro_Ávila
(3) http://es.wikipedia.org/wiki/Manuel_Cabré
(4) http://laliebrelibre.com.ve/w/libros/muro

café

antonte tiven nas miñas mans (fugazmente) un exemplar deste libro que vén de saír do prelo e, segundo me comentan, xa está nas librarías (ou, cando menos, en couceiro).

cafe só

a autora é anabel alonso, activísima bibliotecaria municipal nas pontes de garcía rodríguez.

participou (os lectores dirán se con ou sen proveito, eu voto por “con” e “con nota”) do obradoiro literario que coordinei nas pontes durante uns anos.

pero o mérito é dela, que xa traía consigo material abondo para enfrontar a tarefa de sacar adiante este feixe de relatos nos que pequenos xestos trazan con delicadeza e precisión tanto o perfil dos personaxes como o fío de historias construídas ao estilo clásico, coa tensión narrativa exacta para arrastrarnos sempre até o final e deixarnos na última liña o regusto do texto ben resolto.

o libro está editado en morgante e chega a tempo para ser un bo presente de nadal.

e eu estou máis contento e orgulloso que se fose eu o autor.