composición tema “la vaca”

así enunciábase o exercicio cando estaba eu na primaria (alá lonxe no tempo e na distancia). e, afinal, ten moito que ver cunha actividade que me tocou, nos últimos anos (e non tan últimos) desenvolver algunhas veces.
onte, conversando con yolanda castaño, que veu convidada ao obradoiro que coordino en fene, volveume o tema e estiven dándolle voltas.
cando me chaman pedíndome un “texto sobre”, acabo dicindo case sempre que si. despois (cando a encarga é con tempo) paso pola etapa do arrepentimento: boto días adiando o asunto, doulle infinitas voltas que non parecen levar a ningures, empezo unha ducia de borradores inútiles, falo do tema con xente coa esperanza de abrir unha conversa que dea luz (isto é unha das mellores fontes para este tipo de textos). pero, en síntese, sempre dá moitísimo traballo, moitísima comedura de cabeza.
supoño que a dificuldade está na falta de práctica, porque un está afeito a escribir sempre sobre o que lle apetece. pero, ao final, resulta ser un exercicio interesante. cómpre mergullar en sitios da cabeza polos que non andas decote, exercitar a capacidade de evocación das cousas…
afortunadamente (para min) o resultado destas aventuras adoita deixarme bastante satisfeito. xa non digo pola calidade do texto (iso déixovolo), senón por esa sensación boa de que fun quen de saltar o valado, de chegar ao final do camiño, cando menos a un final.
hai pouco publiquei aquí un poema escrito por encarga: o que aparece no volume pel con pel editado por galaxia e fedegalma para promocionar a lactancia materna.
quero deixar agora outros dous.
o primeiro está publicado na rede. foi escrito por encarga da xente de vieiros (r.i.p.) e o “tema” era “o 11-s”. por obra da tecnoloxía e do copy-left por defecto ten varias versións na rede (todas, agás a primeira, coa mesma gralla). hai tamén unha edición en papel, no nº 29 (penso) da revista dorna.

 
 

a única escenografía
que se require
é un sofá
a guerra televisada é
deus contra deus

 

din que recollen
cadáveres
entre os cascallos

 

que diferencia hai
entre un morto e dez mil?

 

os mortos
non teñen cara na tele

 

e se son
americanos
subirán aínda máis
as accións
da industria armamentista?

baixarán
iso si
as das liñas aéreas

 

lembrádeme que fale disto
co meu axente
de viaxes

para as próximas vacacións
que faga as reservas
en autobús

 

e co de bolsa tamén
que venda e compre

venda

e compre

 

agora teño que ir
a por galletas
que se acabou o paquete

foi xusto cando a torre
norte
ruía para sempre
na tele

teño que estar preparado
por se mañá alguén
ataca o meu sofá
por decisión ou erro

a miña morte
non vos preocupedes
pasará por danos colaterais

e a victoria será de deus

tanto teñen as cores
da súa bandeira

 
 

o segundo poema saíu publicado no volume polifonías 2, que editaron, con motivo do día de loita contra a violencia de xénero, espiral maior e a dirección xeral de igualdade da xunta na época do bipartito (tamén r.i.p.).

 
 

habitación 204

 

día 1
m estivo aquí
dúas semanas despois da súa voda
ao outro día tiña que visitar un cliente

día 2
b ficou unha noite
viaxaba na procura de
localizacións para unha película

día 4
g chegou tan canso
que quedou durmido
cos zapatos postos

día 6
t e mais x pasaron aquí a súa
primeira noite xuntos

día 9
r estivera decote no hotel
pero nunca antes lle deran este cuarto

día 10
c chorou toda a noite
porque a súa muller
acababa de deixalo

día 11
j durmiu aquí os seis días que durou
o tratamento de súa irmá
nunha clínica veciña

día 18
w caeu na bañeira e fíxose
unha pequena ferida na fronte

día 20
h durmía profundamente
a noite do terremoto

día 23
a non desfixo sequera a cama
chegou tarde e pasou
toda a noite escribindo

día 24
k quería agardar esperta
unha chamada importante
pero o teléfono arrincouna
dun sono intranquilo

día 25
d bateu en h
ata a inconciencia
e deambulou pola cidade sen rumbo
o resto da noite

día 26
b e n reuníronse aquí
e aquí pecharon
un acordo comercial proveitoso

día 28
f pasou toda a noite
falando por teléfono
co seu pai doente

día 29
a g cambiárono para esta habitación
a última noite
porque no seu cuarto
estaba obstruído o desaugue

día 30
v desfixo a maleta ao chegar
deitou durmiu catro horas
e volveu facer a maleta pola mañá
antes de irse

presentación de rúa da cancela

no marco da cea das letras que organiza cada ano en malpica o concello e mais a asociación caldeirón, terá lugar este sábado á noite a entrega do premio de poesía erótica illas sisargas e a presentación do libro rúa da cancela co que eli ríos e mais eu gañamos o premio o ano pasado.
agardamos que logo estea nas librarías pero, mentres tanto, tendes un pequeno adianto aquí.
rúa da cancela
(por certo, a foto da portada fíxoa o meu irmán nico, un fotógrafo estupendo, como podedes ver aquí. estoulle moi agradecido por iso.)

o parallé para maría rosendo

o venres pasado asistín á reunión do xurado do premio nacional de poesía xosemaría pérez parallé deste ano. este ano integrárono pedro casteleiro (gratísimo reencontro), antía otero (sempre compañeira) e ramón neto (o gañador do ano pasado, un tipo estupendo).
conformar o xurado dun premio non é doado. dá moita rompedura de cabeza. e é unha responsabilidade. teño moita sorte co xurado do pérez parallé. cada reunión é unha aula de literatura. traballan a conciencia, len con profundidade e saben un cacho do que falan.
este ano a obra gañadora chámase Nómade. tivera ocasión de lle botar un ollo antes de repartir os libros aos membros do xurado. dixeron del que, ademais de solvencia no uso dos recursos, amosaba unha voz persoal e con proxección, pronunciaron varias veces a palabra “faíscas”. é un xurado que non se conforma cun libro correcto. buscan vida debaixo dos poemas.
a gañadora, maría rosendo, unha moza viguesa que vive en compostela e traballa en produción teatral coa compañía berrobambán.
o premio entrégase o próximo 20 de novembro na sede do círculo mercantil e industrial-unidade de fene.
para ver o libro publicado en espiral maior hai que agardar a maio.
noraboa para maría!

o meu poema en pel con pel

tiven este soño

 
 

ánimo
un esforciño

achégate sinte
o recendo

abre a boca

onde o límite entre a vontade e o instinto?

colle o bico e
zuga con forza

como se che fose
a vida niso

 
 

a escena está disposta
butaca branca
a lámpada tenue deseña
nas paredes unha cor
morna

na mesiña da sala
tres candeas de lavanda

sen tardar teremos que
quitalas
para que non te queimes
para afastarte da
dor

mantén os ollos
pechos

o mundo seguirá
aí para ti
cando chegues

en que momento o instinto devén
escolla?

a luz reduce
o espazo

foi por que te sentises
acubillada

e non te perdeses tan
pequena

pero non atendas
para min
e come que é
o teu traballo

facerte maior
facerte forte

 
 

fóra
voces

levan todo o día
trasfegando balbordo

e de súpeto

fiussssssss

e

bummmmmm

e abres os ollos

e soltas a teta

respiras

sabes?
fóra están
facendo festa
por ti

fiussssssss fiussssssss

bummmmmm

e entre fogos de
artificio
a sirena dun barco

 
 

baleeiros xa
non quedan

durante uns anos houbo un
agardando o
desmantelamento

levárono despois a
noruega seica

e fixeron del un museo

 
 

xa tes os ollos
outra vez
pechos

e dubidas
como se por un
intre
a nugalla puidese máis
có instinto

sentirá a cría das
baleas
o quentor da pel tersa?

ou será que a súa
calma
está feita dese tacto
brillante e
esvaradío

 
 

e ti sorrís
sen mover os beizos

igual ca o sorriso da
balea cando
canta

que non ri pero
sabes que
celebra

 
 

espertei
o vento africano destes días
deixárame o corpo enchoupado

sentín que pasara a noite toda

pero

fiussssssss fiussssssss

bummmmmm

levanteime

na sala baldeira aínda
unha das velas non
se consumira

incluido no volume pel con pel, galaxia-fedegalma, 2010

correa corredoira

emocionoume esta noite no de carmen xabier correa corredoira lendo este poema adicado á súa filla e que pecha o seu libro os días adiados (espiral maior, 2009)

correa corredoira

Io, tan marabillado quedei da túa nacenza
no lucífero raiar daquel outono, tanto,
que desistín destes versos ata hoxe. A mar
devalara na lúa chea. Saíches do quirófano
coa túa nai sorrinte, envolta nun pano verde.
“Mira, Xabi, é lindísima…” acertou María
e asomeime de punteiras ao teu repouso.
Arrolándote, berberechiña, embebido
ni cinsento azul dos teus ollos abertos
ao tremelucente cubismo dos claroscuros,
conxureime contigo contra o mundo. Todo
o tiñas pequeno: O nariz no que che sorbía
o moco, a boca axeitada á mamila,
as mans aínda pechadas, as orellas sen furar
ao non pedilo ti (co tempo, traspasarías
tamén a lingua) e os pés de dedas miudiñas;
dun calcañar piquei sangue, unha pinga para
probar a túa saúde. Os meus ósos xa tiñan
un sempre polo que se soster e afeiteime
a cabeza, tirando os pelos do pasado:
Pretendía nacer contigo, outra vez. Pinteite
no colo materno, trono de deusa xitana,
para que estiverades no portal de todos
os misterios das Xubias e agora, tras
vintecatro voltas ao sol, a forma rodante
do canto escuro chegoulle ao fartureiro
amor sacro: O teu arroto leiteiro, filla!

Vilar de Locrendes, setembro, 2007

en polaco

polaco polaco, o de polonia.

eduardo estevez en polaco

eduardo estevez en polaco

aquí está a explicación da circunstancia, da man do meu amigo robby righi:

Nell’ambito del progetto europeo Multipoetry è stato organizzato a Cracovia, in Polonia, un evento dedicato alla valorizzazione e divulgazione della poesia. Per questo la sera del 17 settembre si sono riuniti poeti di Italia, Spagna, Francia, Grecia, Germania e Polonia per una lettura di opere in lingua originale. Durante la lettura di ogni poesia, alle spalle dei lettori compariva uno schermo in cui scorreva la corrispondente traduzione in polacco, a beneficio degli spettatori.

Nella foto si vede la poesia di Eduardo tradotta in polacco, poi proiettata insieme alle altre anche sulla parete di un edificio storico nella piazza del Mercato, la principale di Cracovia.

o que, posto en lingua para todos comprensíbel, di:

Dentro do ámbito do proxecto europeo Multipoetry organizouse en Cracovia, Polonia, un evento dedicado á posta en valor e a divulgación da poesía. A tarde do 17 de setembro, reuníronse poetas de Italia, España, Francia, Grecia, Alemaña e Polonia para unha lectura de obras nas súas linguas orixinais. Durante a lectura de cada poema, de costas ao lector, amosábase nunha pantalla a correspondente tradución ao polaco, para comprensión dos asistentes.

Na foto vese o poema de Eduardo traducido ao polaco. Tamén foi proxectado nos muros dun edificion histórico da praza do Mercado, a principal de Cracovia.

en inglés

tres poemas de construcións veñen de aparecer traducidos ao inglés en 3:am magazine.
aquí vos deixo o link

http://www.3ammagazine.com/3am/three-poems-eduardo-estevez/

o meu agradecemento a steve porter, o tradutor.

dicotomía

estou dando os primeiros pasos nun novo proxecto literario.
non sei se dará nun libro ao uso ou nun produto de formato diferente.
de primeiras, dá a sensación de que o libro tradicional en papel podería albergar o resultado (se a cousa segue por onde semella que vai) pero tamén que implicaría algunhas dificultades que probabelmente acabarían atascando o proceso.
xa que logo, penso tamén na posibilidade de despregar o proxecto doutro xeito. un blog, por exemplo.
pero… e se ao rematar teño a peregrina idea de mandar o libro a un premio?
nestes momentos odio tanto a…

marienplatz

hoxe toda a familia se traslada novamente a carral para a presentación de nós escoitando o badalo de marienplatz, o libro de eli que gañou o ano pasado o premio de poesía concello de carral e que é o primeiro seu que ve luz pública.

ademais, acompañaremos ao amigo miro villar que resultou gañador da edición deste ano do premio.

estamos nervosos. pero tamén moi contentos!

no paralelo 43º 21′ 45”

o sábado pasado participei da sesión poética organizada polo colectivo arTeu dentro do ciclo paralelo 43º 21′ 45”.

interesante e motivador o encontro con tantos autores da cidade. e cos seus músicos.

foi no mercado das conchiñas da coruña.

aquí, unha foto.

se tendes conta en facebook, podedes ver máis aquí.

o meu agradecemento a inma, xacobe e ramiro pola iniciativa e por contar comigo para participar nela.