en lalín

onte á noite o ignacio castro e mais eu presentamos entrar na casa no museo ramón maría aller de lalín. son preciosos estes actos porque son encontros con amigos e lemos poesía, vemos fotos da casa e sempre está a música.

porque tentamos que en cada presentación un (ou máis) amigo músico lle poña son en directo aos videos que o ignacio fixo para presentar as fotos do proxecto.

antes fora mig seoane (en vigo), belén bermejo con andrés diaz (na coruña) ou fernando tomasenía (en buenos aires).

onte foi benxa otero, un luxo de músico e de xente, quen lle puxo música ás proxeccións. e contamos, ademais, coa presentación do libro por parte de celso fernández sanmartín. celso é un dos meus amigos da alma e este libro é un pouco seu tamén. se constrúo unha casa imaxinaria celso está nela dalgún xeito.

o texto da presentación non o teño porque o improvisou e non o gravamos. pero pedinlle ao remate unhas follas que traía a modo de apuntamentos. son poesía pura. aquí están:

presentacion_celso_1 presentacion_celso_2 presentacion_celso_3 presentacion_celso_4 presentacion_celso_5

entrar na casa

construcións, o meu último libro individual publicado en papel, saíu do prelo hai xa case sete anos.
desde aquela pasaron moitas cousas: publiquei en papel un libro en colaboración, fixen unha reedición moi laboriosa e case artesana dun dos meus primeiros libros e, sobre todo, escribín unha serie de poemas semanais para culturagalega.org (non tentedes seguir o link porque está caído desde hai un tempo, póñoo na esperanza de que se restaure) e mais fixen o meu segundo libro-en-construción que xa está rematado e ao que estou a procurarlle o xeito de facelo navegar como penso que merece.
e isto por falar só das cousas “públicas” porque, en privado, seguín escribindo e non pouco. eran tres os libros rematados que permanecían inéditos e esta semana vai ter remedio o primeiro deles.
entrar na casa
entrar na casa é o froito dun moi feliz encontro co fotógrafo mariñán ignacio castro “nachok”. el leu o meu construcións, buscoume na rede e mandoume un mail que traía ao pé esa mesma ligazón que veño de lle poñer ao seu nome neste parágrafo. eu fun mirar onde me levaba e atopei un universo visual que, dun xeito ou doutro, tiña moito que ver coa maneira que eu quería mirar o mundo a través das palabras.
un tempo despois empezamos a escribir este libro, que é unha indagación sobre as pegadas que as persoas deixan nunha casa. os rastros.
non é un libro de poemas ilustrado nin é un libro de fotografías glosadas con textos. entrar na casa é unha construción a catro mans desde o alicerce (varios correos electrónicos nos que conversamos sobre os xeitos de andar o camiño) até o tellado (un sinfín de intercambios -con diversas aportacións externas moi enriquecedoras- sobre a mellor maneira de que todos os obxectos se distribuísen no espazo do papel).
todo o proceso levou, penso, máis de dous anos intensos. e, a continuación, un tempo non pequeno na procura dun editor que se vise capaz de facer un libro con fotos a cor.
e estaleiro editora atreveuse ao que non se atreveron as editoras grandes deste país. e igual é unha mostra de que o futuro (o presente) está neste tipo de iniciativas que son quen de moverse con axilidade neste mundo do libro que muda tan ás présas.
entrar na casa é hoxe unha realidade moi querible. un libro precioso -permítanme que o diga sen falsa modestia- que o ignacio e mais eu debémoslle a moitas persoas: en primeiro lugar, a paz e a maría que nos tiveron moita paciencia durante o proceso (e mais téñenola a diario). a continuación a caxigueiro e a ernesto gonzález torterolo que colaboraron connosco no proceso de atoparlle sentido á visualización de cada páxina e aos fluxos entre elas. tamén a flor que nos abriu sempre a porta da súa casa e alimentou as sesións de traballo non só con comida senón tamén -e sobre todo- con cariño. tamén a mig seoane, que fixo unhas musiquiñas para as presentacións. por último, á xente de estaleiro, en particular a alba viñas, coordinadora da edición, e a nadina b.s. que nos tiveron infinita paciencia durante todo o proceso de pre-produción.
agora empeza un itinerario de presentacións que vai estar partido en dous. neste mes de xuño faremos as dúas primeiras:

venres 05/xuño, 20h, libraría couceiro (en compostela)
venres 12/xuño, 20.30, libraría bahía (foz)

en setembro comezaremos unha pequena xira (ou non tan pequena) por diversos puntos do país.
a maioría das prazas aínda son só ideas e case todas precisan de conversar coas xentes dos locais que temos na cabeciña.
polo de agora nós pensamos (e, nalgúns casos empezamos a conversar) en lalín, a coruña, noia, vigo, malpica, lugo, ferrolterra e, outra vez, compostela.
aceptamos ofertas!

de todos modos, mellor ir aos poucos: este venres, compostela. agardo que poidades acompañarnos. e que vos acheguedes ao libro e que vos abra portas e fiestras novas (que, á fin e ao cabo, é o que debería facer sempre a literatura).