entrar na casa

construcións, o meu último libro individual publicado en papel, saíu do prelo hai xa case sete anos.
desde aquela pasaron moitas cousas: publiquei en papel un libro en colaboración, fixen unha reedición moi laboriosa e case artesana dun dos meus primeiros libros e, sobre todo, escribín unha serie de poemas semanais para culturagalega.org (non tentedes seguir o link porque está caído desde hai un tempo, póñoo na esperanza de que se restaure) e mais fixen o meu segundo libro-en-construción que xa está rematado e ao que estou a procurarlle o xeito de facelo navegar como penso que merece.
e isto por falar só das cousas “públicas” porque, en privado, seguín escribindo e non pouco. eran tres os libros rematados que permanecían inéditos e esta semana vai ter remedio o primeiro deles.
entrar na casa
entrar na casa é o froito dun moi feliz encontro co fotógrafo mariñán ignacio castro “nachok”. el leu o meu construcións, buscoume na rede e mandoume un mail que traía ao pé esa mesma ligazón que veño de lle poñer ao seu nome neste parágrafo. eu fun mirar onde me levaba e atopei un universo visual que, dun xeito ou doutro, tiña moito que ver coa maneira que eu quería mirar o mundo a través das palabras.
un tempo despois empezamos a escribir este libro, que é unha indagación sobre as pegadas que as persoas deixan nunha casa. os rastros.
non é un libro de poemas ilustrado nin é un libro de fotografías glosadas con textos. entrar na casa é unha construción a catro mans desde o alicerce (varios correos electrónicos nos que conversamos sobre os xeitos de andar o camiño) até o tellado (un sinfín de intercambios -con diversas aportacións externas moi enriquecedoras- sobre a mellor maneira de que todos os obxectos se distribuísen no espazo do papel).
todo o proceso levou, penso, máis de dous anos intensos. e, a continuación, un tempo non pequeno na procura dun editor que se vise capaz de facer un libro con fotos a cor.
e estaleiro editora atreveuse ao que non se atreveron as editoras grandes deste país. e igual é unha mostra de que o futuro (o presente) está neste tipo de iniciativas que son quen de moverse con axilidade neste mundo do libro que muda tan ás présas.
entrar na casa é hoxe unha realidade moi querible. un libro precioso -permítanme que o diga sen falsa modestia- que o ignacio e mais eu debémoslle a moitas persoas: en primeiro lugar, a paz e a maría que nos tiveron moita paciencia durante o proceso (e mais téñenola a diario). a continuación a caxigueiro e a ernesto gonzález torterolo que colaboraron connosco no proceso de atoparlle sentido á visualización de cada páxina e aos fluxos entre elas. tamén a flor que nos abriu sempre a porta da súa casa e alimentou as sesións de traballo non só con comida senón tamén -e sobre todo- con cariño. tamén a mig seoane, que fixo unhas musiquiñas para as presentacións. por último, á xente de estaleiro, en particular a alba viñas, coordinadora da edición, e a nadina b.s. que nos tiveron infinita paciencia durante todo o proceso de pre-produción.
agora empeza un itinerario de presentacións que vai estar partido en dous. neste mes de xuño faremos as dúas primeiras:

venres 05/xuño, 20h, libraría couceiro (en compostela)
venres 12/xuño, 20.30, libraría bahía (foz)

en setembro comezaremos unha pequena xira (ou non tan pequena) por diversos puntos do país.
a maioría das prazas aínda son só ideas e case todas precisan de conversar coas xentes dos locais que temos na cabeciña.
polo de agora nós pensamos (e, nalgúns casos empezamos a conversar) en lalín, a coruña, noia, vigo, malpica, lugo, ferrolterra e, outra vez, compostela.
aceptamos ofertas!

de todos modos, mellor ir aos poucos: este venres, compostela. agardo que poidades acompañarnos. e que vos acheguedes ao libro e que vos abra portas e fiestras novas (que, á fin e ao cabo, é o que debería facer sempre a literatura).

presentación de ellis island

data corrixida!

isto que eu, Georges Perec, vin preguntarme aquí, é
a errancia, a dispersión, a diáspora.
Ellis Island é para min o lugar mesmo do exilio,
quer dicir,
o lugar da ausencia de lugar, o non-lugar, o
ningún sitio.

velaquí un fragmento de ellis island, o libriño de georges perec que saíu do prelo hai unhas cantas semanas en tradución do francés feita por min mesmo.

o texto orixínase nunha encarga, feita pola televisión pública francesa, ao realizador robert bober e mais ao propio perec de levaren a cabo un documental sobre ese pequeno illote da bahía de nova york no que estaban localizadas as oficinas de inmigración americanas.

o guión do documental está composto maioritariamente por entrevistas. este libriño contén a parte escrita por perec, que xa fora publicada en francés como texto separado e que eu sempre lin como se fose un pequeno libro de poemas.

porque ten esa maneira dos poetas de mirar o mundo e reflectilo desde a verdade da lírica: esa afirmación que é rotunda porque é consciente de que esa rotundidade é outra e diversa en cada lector.

mañá, xoves, ás 20.00, na libraría couceiro de santiago, presentamos este libro. vaime acompañar o escritor mario regueira que tanto sabe de aprofundar nos libros e na realidade como o demostra acotío no seu blogue.

oxalá poidades acompañarnos.

 

“ellis island” de georges perec

antes de rematar o ano tiven nas miñas mans un exemplar de ellis island, de georges perec, editado en galego por franouren.

Ellis Island

son lector devoto de perec desde que, hai xa uns cantos anos, caeu nas miñas mans un exemplar de la vie, mode d’emploi na edición de compactos anagrama.

encantoume tamén el gabinete de un aficionado (descoñezo o título orixinal, lino tamén traducido ao español).

un día topei nunha libraría de buenos aires cun exemplar de ellis island. era unha edición arxentina. lin boa parte do libro alí mesmo e fiquei impresionado: ten ese xeito de explicar o mundo a través da descrición detallada, tan propio de perec, esa asombrosa facilidade para profundar nas emocións sendo aparentemente frío e matemático, obxectivo e fotográfico.

merquei varios exemplares e, á volta, regaleillo a algúns amigos.

o libro é a parte escrita por perec do guión dun documental feito para a televisión pública francesa sobre ellis island: un illote na entrada da bahía de nova york onde estiveron situadas durante moitos anos as oficinas do control de inmigración. todas cantas persoas tentaron entrar nos estados unidos durante a primeira metade do século XX pasaron por alí. alí eran identificados, inspeccionados, interrogados e, finalmente, aceptados ou rexeitados.

aquel edificio era, para os que chegaban, a porta (aberta ou pechada) a unha oportunidade que europa lles negara.

cando quedei sen exemplares tentei mercar máis e foi alí que descubrín que o libro, en toda a península, non estaba editado máis que en catalán. entón decidinme a traducilo e, cando o traballo estivo feito, coñecín á xente de franouren e… o resultado xa está nas librarías.

o guión está presentado en verso. non vou tentar aquí determinar se se trata de poesía ou prosa. eu lino como poesía e como poesía traducino. porque dei por suposto que ese modo de tentar explicar o mundo (un mundo, un dos posíbeis) só era abordábel desde unha visión lírica.

pero decidídeo vós mesmos. confío en que non vos ha defraudar.

 

en italiano

veño de recibir notificación de que un poema de construcións foi publicado en italiano no sitio bibliomanie.it.
a tradución é de roberto righi, un grande amigo ao que admiro e co que temos pasado boas horas dándolle volta ás cousas da lingua e das linguas.
existen algunhas pequenas diferencias entre o texto publicado en italiano e a versión orixinal en galego. de feito, existen algunhas pequenas diferencias entre a versión en galego que acompaña a tradución en bibliomanie.it a respecto da que se publicara no libro de edicións positivas en 2008. son pequenos matices que naceron da conversación sobre a tradución e que non me resistín a modificar.
atribúeselle a borges a frase “publico libros para deixar de corrixir os poemas”. está visto que nin mesmo a publicación en libro é para min un impedimento para o vicio de seguir corrixindo. tampouco non o era para borges, que modificaba os seus poemas entre unha edición e outra. salvando as obvias distancias, claro.

pel con pel en moaña

o sábado pasado estiven en moaña na presentación de pel con pel.
hai dous detalles que fan que estas presentacións sexan ben diferentes ás de sempre: unha é que se fan en horas de sol e a outra é que o público está composto por pais, nais e moitos nenos pequenos.
da vez pasada, en compostela, o auditorio era grande e por iso houbemos ler os textos nun pequeno estrado, con atril e micro. eu teño nese libro un texto algo difícil de ler en alto porque é bastante fragmentario e xoga con varias voces. e, a pesar de que foi emocionante para min, non quedou tan ben a lectura.
o do sábado foi diferente. había menos xente, o sitio era máis pequeno e escollín non usar o micro e ler diante da xente, pegadiño á primeira fila. e o resultado foi moito mellor. hai tempo diría que habería que preguntar ao público para saber se saíra ben. pero agora aprendín a lelo nas caras, nos ollos que me miran mentres leo, que sorrín cos fiusssssss e bummmmmm do poema.
así que podo dicir, sen dubidalo, que foi unha lectura preciosa (grazas, estevo, polo adxectivo).
hai algunhas fotos no blog de editorial galaxia. pero eu teño algunha máis. mirade:
pel con pel en moaña
pel con pel en moaña
pel con pel en moaña