spirit

hoxe, na clausura do vii encontro de escritoras/es novas/os organizado pola asociación de escrirtores e escritoras en lingua galega, proxectouse por primeira vez en público “spirit”.
é un vídeo que fixemos a partir do poema “spirit”, o primeiro da serie “esca e pedra”, publicada en culturagalega.org entre 2008 e 2009.
o plural do “fixemos” inclúe a dúas persoas fundamentais: mig seoane, que fixo a música e matías estévez, meu irmán, que fixo a edición de vídeo.
podedes velo aquí, na sección “palabra audiovisual” da web da aelg.

presentación de ellis island

data corrixida!

isto que eu, Georges Perec, vin preguntarme aquí, é
a errancia, a dispersión, a diáspora.
Ellis Island é para min o lugar mesmo do exilio,
quer dicir,
o lugar da ausencia de lugar, o non-lugar, o
ningún sitio.

velaquí un fragmento de ellis island, o libriño de georges perec que saíu do prelo hai unhas cantas semanas en tradución do francés feita por min mesmo.

o texto orixínase nunha encarga, feita pola televisión pública francesa, ao realizador robert bober e mais ao propio perec de levaren a cabo un documental sobre ese pequeno illote da bahía de nova york no que estaban localizadas as oficinas de inmigración americanas.

o guión do documental está composto maioritariamente por entrevistas. este libriño contén a parte escrita por perec, que xa fora publicada en francés como texto separado e que eu sempre lin como se fose un pequeno libro de poemas.

porque ten esa maneira dos poetas de mirar o mundo e reflectilo desde a verdade da lírica: esa afirmación que é rotunda porque é consciente de que esa rotundidade é outra e diversa en cada lector.

mañá, xoves, ás 20.00, na libraría couceiro de santiago, presentamos este libro. vaime acompañar o escritor mario regueira que tanto sabe de aprofundar nos libros e na realidade como o demostra acotío no seu blogue.

oxalá poidades acompañarnos.

 

baixeras e as traducións

o sábado estiven en ribadeo. a aelg entregáballe a xavier rodríguez baixeras o premio “letra e” e mais concedíalle a homenaxe “o escritor na súa terra”. é un dos actos máis bonitos que fan os escritores e as escritoras do país cada ano.

baixeras foi un dos primeiros poetas que lin en galego. viña nunha antoloxía bilingüe que merquei en 1993 cando estiven de paso por galiza, un ano antes de vir instalarme aquí.

cuns cantos dos poemas de rodríguez baixeras, ben acompañados, penso, dunha pequena selección doutros tres poetas da mesma xeración (cáccamo, forcadela e xela arias) preparei un pequeno volume que, co título finis terrae foi publicado en castelán en 1995 na colección el faraute da editorial venezolana la liebre libre polo meu amigo o poeta e editor harry almela.

nos anos que estiven en venezuela tiven ocasión de publicar as miñas primeiras traducións. ademais destas do galego, foron todas do portugués: chico buarque, affonso romano de sant’anna, cecília meireles e nuno júdice integran a lista de autores dos que publiquei cadanseu volume en diferentes editoriais.

en galiza, até o de agora, só publicara traducións de pequenas coleccións de poemas soltas en revistas: a arxentina alejandra pizarnik, a italiana patrizia cavalli.

esta semana preséntase o primeiro libro traducido por min ao galego. pero diso xa falarei mañá.

hoxe só quería deixar aquí a miña pequena homenaxe a xavier rodríguez baixeras cun poema publicado no meu só paxaros saíron desta boca que é remake do poema de baixeras que, o sábado, pepe cáccamo citou íntegro para pechar a súa laudatio a xavier en ribadeo.

 

sar

abrirei a porta amor
o sábado coa alba
e paxaros farrapentos
inundarán a casa de mel e plumas

sentado na poltrona
sorrirei ante a algazarra
e ó mediodía
cando chegue da cociña o cheiro
tépedo das cazolas no lume
verei marchar a bandada

atravesar o val cara ás torres

prometo varrer as plumas
antes de comer
pechar outra vez a porta

 

antisistema

2008. as eleccións en españa gáñaas o psoe prometendo defender a toda costa os dereitos sociais.

pero poucos meses despois a prima de risco de españa entrou en carreira ascendente e, cando ese mesmo goberno empezou a atopar problemas serios para financiarse, conxelou as pensións, rebaixou o salario dos funcionarios, abaratou o despedimento, reformou a constitución para fixar un teito ao déficit fiscal e impuxo uns criterios de déficit ás administracións que é a nai de todos os recortes que estamos a ver.

tratábase de cumprir as esixencias das axencias de cualificación e do poder financeiro (os mesmos que empurraban a prima de risco para arriba e dificultaban a financiación) para evitar entrar nunha espiral que impedise o financiamento do estado.

pero as axencias e o poder financeiro son insaciábeis e, a pesar das medidas, a espiral continuou o seu ascenso imparábel.

cal é o interese do capital polos axustes? axustar (chámanlle “reducir o déficit fiscal”) quer dicir deixar de prestar determinados servizos sociais. e, se o estado non presta un servizo, simplemente ensancha o campo para que o capital privado poida despregar o seu xogo: facerse cunha parte maior do pastel (ou con todo o pastel). que a xente deixe de pagarlle ao estado polos servizos sociais (detalle importante: os servizos sociais non son gratuítos, pagámolos todos todos os meses) e empece a pagarlle ás empresas por eses mesmos servizos.

marzo de 2011. un movemento social ocupa as prazas públicas reclamando contra un sistema que comeza a deixalos fóra. propoñen unha actitude máis crítica cos partidos políticos. promoven o voto a outras opcións.

pero opcións só hai pola esquerda. a dereita é vertical e disciplinada. o pp está cheo de grupos moi diversos pero á hora de votar encolúmnanse en orde detrás do líder. e o sistema electoral premia aos partidos máis votados.

a + b provocan que, en maio de 2011, o pp, sen subir notabelmente en votos (só un 2%), incremente radicalmente o seu número de escanos nos concellos e parlamentos. o psoe perde moitos dos seus pola dispersión do voto da esquerda e os partidos alternativos da esquerda quedan fóra dos concellos e parlamentos por non acadar en cada circunscrición os mínimos requeridos para entrar no reparto de escanos.

conclusión: gaña o pp na inmensa maioría dos concellos e en case todas as comunidades autónomas. en catalunya, ciu (a dereita católica e burguesa catalana) fai o propio. e, coa excusa de cumprir cos requisitos de déficit impostos, comezan (ambos) a aplicar unha serie de recortes en xeral.

portavoces dos partidos políticos gobernantes e dos gobernos autonómicos non cansan de repetir (e os medios de comunicación non cansan de reproducir) que non se recorta nin se recortará en saúde nin en educación. pero a realidade silenciosa (ou non tanto) refuta esas afirmacións.

docentes e persoal sanitario saen á rúa para protestar, plantas enteiras dos hospitais públicos clausúranse por falta de persoal, centros de saúde de catalunya pechan durante os meses de verán por non contratarse persoal interino para cubrir as vacacións dos funcionarios, increméntase a ratio alumnos/docentes ao reducirse a contratación de persoal interino e eliminarse prazas e mesmo centros enteiros e suma e segue. no noso país, o pp, que accedeu ao goberno algo antes, non se queda atrás.

pódese percorrer as hemerotecas na procura de anuncios electorais dos candidatos ás municipais e autonómicas de maio no sentido de reducir os servizos sanitarios ou educativos e o único que se encontra é que non se fan nin se farán recortes na sanidade nin na educación. esas son as verdades das que a prensa se fai eco moitas veces dun modo acrítico ou cómplice.

a herdanza dos gobernos anteriores é a excusa pero detrás agóchanse conviccións claras.

novembro de 2011. o pp gaña as eleccións xerais incrementando o voto das anteriores en só algo máis dun 4%. pero a caída estrepitosa do psoe, a dispersión do voto da esquerda, etc (vid supra a+b) fai que esa exigua subida deveña nunha maioría absoluta aplastante.

[nota: rajoy en 2011 obtén maioría absoluta con menos votos dos que precisou zapatero en 2008 para conseguir unha victoria polos pelos. ]

cal era o discurso do pp na campaña? “el cambio”. como había facerse ese cambio? iso non se dixo. pero non facía falta: a xente sabe que o medio de cumprir as esixencias dos “mercados” é recurtar gasto público e estimular a contratación a base de amputar dereitos laborais.

a xente sabíao e por iso non foi en masa votar o pp.

pero en españa o bipartidismo funciona de xeito diferente ao resto dos países cun modelo análogo. o normal é que os dous partidos maioritarios teñan unha porcentaxe de votantes fieis e, despois, un grupo máis ou menos grande de electores, vai cambiando dun ao outro, facendo flutuar a maioría. en españa non: a porcentaxe de votante fiel do pp é altísima. a porcentaxe flutuante é mínima (só un 13% dos que votaron psoe en 2008 e non en 2011 votaron pp). o psoe ten unha base de voto fiel moito máis pequena pero o votante do psoe, cando está descontento, non vota ou, agora, vota outras opcións. isto é: o psoe gaña cando a xente o vota, o pp gaña cando a xente non vota o psoe.

nas mesmas eleccións, ciu, que vén de aplicar importantes recortes en catalunya, incrementa case nun 50% o seu voto (e nun 60% a súa representación nas cortes de madrid). e, só dous días despois das eleccións, anuncia un novo feixe de medidas restritivas das que non se falara durante a campaña electoral. “se plantexabamos isto en plena campaña ía ser unha bomba de reloxería para o debate parlamentario”, declarou o portavoz da generalitat.

é a morte do programa electoral. o psoe traizoa o seu propio. rajoy gaña sen falar unha soa palabra del. ciu agocha na campaña o que xa sabe que vai facer ao día seguinte da xornada electoral.

en realidade tanto ten. porque ninguén goberna ao ditado dun programa ou dunhas ideas senón segundo o que marcan os mercados. tanto ten quen goberne porque tanto ten o que vote a xente.

o poder é do capital, non da xente. o capital sostén os gobernos mentres responden aos seus intereses. o capital mantén o sistema bipartidista porque sabe que, céntimo arriba céntimo abaixo, calquera dos dous que goberne vai atender as súas demandas. e chegamos sen ruborizarnos ao punto de que, cando un goberno xa non é funcional aos intereses do capital, o capital quítao (vid. italia e grecia) e coloca no sitio un técnico fiel.

e a clase política dominante (a que se beneficia dos cálculos de d’hont e por iso mesmo nunca os vai cambiar) é, como o seu nome o indica, unha “clase”, un grupo con privilexios de seu, porque defende os intereses do verdadeiro poder. logo o poder déixaos facer. cando menos mentres non incomoden demasiado, penalízaos minimamente cando quitan os pés do testo (vid. valencia) e finalmente quítaos cando xa non serven correctamente os seus intereses (vid. grecia, italia, españa, …).

evidentemente, a solución non está no sistema. os do 15m cóidanse ben de chamarse antisistema porque esa palabra ten mala prensa. pero o sistema demostrou que non funciona. se, en españa, a lei do solo do pp e a lei da selva dos bancos (amén de lehman brothers e standard & poors) son os que nos levaron até aquí, non hai que ser moi avispado para darse conta de que a solución non pode ser darlles máis cartos aos bancos e devolverlle o poder ao pp.

pero a maioría segue convencida (convéncena os adalides e os altavoces do poder), de que non hai outra solución.

haina. só fai falla ousadía, imaxinación, vontade de cambiar de verdade as cousas. xusto o que non pode ofrecer o pp de rajoy nin a europa de merkel nin o fmi de lagarde. fai falla facer cambios sen complexos atávicos, sen medo a contradicir o pensamento único que o poder impón.

mulleres na academia

apoiei o manifesto inicial que reclamaba a incorporación de máis mulleres na academia.

estou de acordo con que unha institución como a academia debería ter unha participación máis equitativa das mulleres.

non penso que a publicación do manifesto, por moita razón que teña e defendo, teña que implicar necesariamente que o seguinte nomeamento (ou o seguinte ou o seguinte máis) dun membro da academia teña que ser necesariamente dunha muller a risco de que o sistema cultural galego se levante en rebelión.

(nin falar de matar o mensaxeiro, como teño lido esta tempada non poucas veces.)

que a academia precise máis mulleres non debería levarnos a anatematizar a todo home que sexa nomeado para a ocupar unha cadeira. procurar a paridade na participación das mulleres tampouco pode empecer a participación de homes válidos nesta ou noutras institucións.

e a academia debe escoitar o que reclama a xente pero tamén manter a súa autonomía para nomear os seus membros. ou cambiemos o sistema: poderíamos facer que os membros da academia se escollesen por períodos limitados de tempo e elección popular. pero non penso que esa sexa unha solución.

conclusións da asemblea da aelg

o sábado tivemos asemblea da asociación de escritores en lingua galega e tivemos ocasión de analizar, entre outras cousas, como se complica a actividade deste ano pola falta de axudas públicas.
léase ben o asunto: a redución do orzamento da aelg non é a enfermidade. é só un síntoma.

velaquí as conclusións aprobadas pola asemblea:

CONCLUSIÓNS DA ASEMBLEA XERAL DE SOCIOS/AS DA AELG

“Denunciamos a regresión na política de investimentos en todos os sectores da cultura, por parte do Goberno da Xunta de Galicia, o que está a destruír o construído nos últimos trinta anos por varias xeracións de creadores e creadoras e por toda a sociedade galega no seu conxunto. Estase a desfacer programaticamente o aínda mínimo tecido industrial na cultura e a necesaria profesionalización na mesma e faise desaparecer de facto a promoción da cultura de base, que é a seiva nutricia do tecido cultural galego, sendo de feito os que crean e demandan o consumo cultural.
Denunciamos a retirada de apoios á cultura e, nomeadamente, aos creadores e creadoras máis novos, por parte da Dirección Xeral de Xuventude, como nova forma de censura económica, impedindo deste xeito a posibilidade de dar continuidade aos encontros e o debate entre os que son o futuro da cultura galega, como se viña facendo en anos anteriores.
Denunciamos a retirada pola Consellería de Economía e Industria do apoio á creación de carácter cultural e de investigación da mesma, o que imposibilita a dotación permanente de contidos para a rede e o avance nas novas tecnoloxías aplicadas á cultura, coutando o desenvolvemento do propio proceso creativo nas diferentes manifestacións da nosa literatura.
Denunciamos que se levou a cabo unha escandalosa e radical diminución dos orzamentos da Consellería de Cultura e en consecuencia dos investimentos económicos desta Consellería nos escritores/as e o seu labor de creación, que nos devolve aos mesmos apoios que se achegaban desde a Administración galega á AELG hai vinte anos. Ao mesmo tempo o Xacobeo converteuse nunha mediocre promotora de festexos sen incidencia no tecido cultural ou no patrimonio cultural do país.
Constatamos que todas estas actuacións estruturais xeraron un crecente paro nos diversos sectores da cultura e, en concreto, no dos escritores como creadores/as de contidos para as diversas manifestacións da actividade cultural, sexa o libro, o teatro ou o sector audiovisual.
Reafirmámonos no expresado publicamente nos dous últimos anos polo Consello Directivo da AELG, contra o novo estatus do galego no ensino, minorizado aínda máis e limitado ao negar a posibilidade de impartir en galego materias vinculadas a áreas e espazos de prestixio na sociedade actual, como é a ciencia e a tecnoloxía. Apoiamos todo aquel profesorado que ten manifestado o seu compromiso para co mantemento da docencia nesta lingua, desde o convencemento da súa validez como ferramenta pedagóxica e necesidade como procedemento de apoio á arredada normalización lingüística.
Defendemos, desde a AELG, que todo o diñeiro que se gasta na cultura é un investimento produtivo, no convencemento inequívoco de que Galiza existe como un pobo, como unha nación diferenciada, porque ten unha cultura propia, un idioma propio, unha literatura que sobrepasa mesmo a dimensión editorial actual do país. Cada euro que se gasta en cultura ou na industria cultural e, en concreto, na consolidación e medre do tecido industrial editorial, non é unha subvención, é un investimento en alza no futuro de Galiza como pobo. Negar diñeiro á cultura é crear paro. O país empobrece cultural, económica e socialmente e negándosenos como galegos e galegas.

En Compostela, a 5 de febreiro de 2011.”

PRONUNCIAMENTO DA ASEMBLEA XERAL DE SOCIOS/AS DA AELG SOBRE A CIDADE DA CULTURA

“Demandamos, desde a AELG, unha moratoria na construción de novos edificios até que non haxa condicións económicas axeitadas e un proxecto de uso sostíbel que responda ás necesidades de Galiza e da cultura galega.
Demandamos que os edificios construídos, ademais de estaren ao uso da cultura galega, sexan desposuídos de pretensións de iconografía megalómana falsamente artística que infrautiliza estes edificios e non responde ás necesidades dun programa de uso racional para ser aproveitado pola cidadanía.
Demandamos asemade que os usos da biblioteca pública deste espazo público galego sexan estrutural e maioritariamente en galego e sobre a cultura galega, sen desbotarmos a súa relación con outras culturas do mundo, como xa é parte da historia e da tradición da nosa cultura ao longo dos séculos.
Demandamos do goberno galego actual, máximo axente responsábel, que procure a autofinanciación dos edificios construídos e mais das súas actividades, non debendo detraer da Consellería de Cultura nin un euro dos seus fondos, escandalosamente minguados polo goberno galego nos dous últimos anos.
Rexeitamos o acollemento da obra de Cela na biblioteca da Cidade da Cultura e pedimos unha auditoría do uso dos fondos públicos entregados á mesma nos últimos vinte anos.
Finalmente, a Asemblea Xeral de Socias e Socios da AELG, reunida no Museo do Pobo Galego, en Compostela, o día 5 de febreiro de 2011, quere deixar claro á cidadanía que a utilización dos edificios do Gaiás, de uso público e construídos con diñeiro público por parte desta asociación, nunca lexitimará o proxecto de orixe nin aqueles que o queiran levar a usos contra a cultura galega ou á confusión sobre o que é cultura galega ou literatura en galego.”

fonte: www.aelg.org