unha dorna de pedra

hai tempo enviei un texto para o próximo número da revista dorna que edita, segundo di a wikipedia, a “cátedra de filoloxía galega” da universidade de santiago de compostela.

a boa xente do consello de redacción, amigos algúns deles, pasan todos os anos o seu traballiño facendo campaña para recadar colaboracións para cada número da revista. e eu, de vez en cando, fago a tempo de enviarlles un texto.

fíxeno este ano.

pero recibín onte un correo electrónico dun dos membros do dito concello de redacción dicíndome que o director da revista pedía que fixese modificacións no texto porque, iso-non-é-poesía ou iso-non-é-o-que-el-entende-como-poesía ou iso-non-é-o-que-se-debe-entender-como-poesía (non estou citando palabras da mensaxe recibida), afirmacións, calquera das tres, que neste caso pasarían por ser, triste e autoritariamente, pares.

pensei en propoñerlle ao amigo que facía de mensaxeiro que lle amosase ao director da revista un calendario no que quedase claro o ano no que vivimos. pero decidín, xusto a continuación, que mesmo iso era un esforzo inútil.

como resulta obvio, decidín retirar o meu texto da publicación. e aproveitar o blogue para deixar constancia da miña preocupación por que o ámbito do que se espera que sexa punta de lanza da innovación e da apertura mostre unha actitude tan rancia e caduca.

velaquí un poema tan rupturista que o director de dorna considera que non ten cabida na revista. (aínda que as ligazóns poderían ser postas doutro xeito, quero deixar o texto tal e como debería ter sido publicado en papel):

 

ms-dos
<-http://gl.wikipedia.org/wiki/MS-DOS
foto: pantalla de ms-dos

cd wp51

wp51(1) intro

todo negro

non hai fiestras

pero a escuridade
convida
a deseñar roteiros

as imaxes flúen
e a pantalla
vaise enchendo
de caracteres grises

fóra o sol
agáchase detrás
da montaña(2)
verde(3) multicolor

faise noite morna
no poema
xa case rematado

f10

volver ao comezo
reler tentando
percibir o recendo
nocturno
das follas

quitar un adxectivo
procurar a cor
máis precisa

f10

recomezar

ler en alto
para medir o tempo

lembrar o ritmo
do verso asmático(4)

mudar unha
palabra
para a
liña seguinte

reler

deixarse aturular
polo vento
no poema
e cando o corpo
sinta o pulso
das letras dentro

f7

e agardar
como nun viño
a maduración

(1) http://es.wikipedia.org/wiki/Word_Perfect
(2) http://pt.wikipedia.org/wiki/Cerro_Ávila
(3) http://es.wikipedia.org/wiki/Manuel_Cabré
(4) http://laliebrelibre.com.ve/w/libros/muro

5 reflexións sobre “unha dorna de pedra

  1. Que se lle vai pedir a unha universidade que vive da endogamia, e non só na acepción intelectual? Que se lle vai pedir a un catedrático que vai ser futuro membro do tribunal de tese da súa amante?

  2. invalidar unha acción pola invalidez doutras cometidas ou mesmo por cometer non semella unha estratexia dialéctica moi elegante. sobre todo cando, como neste caso, a acción queda invalidada por si mesma: non fai falla ir mirar noutro armario para atopar argumentos de crítica.

  3. Non desaprobo unha acción mediante outra. O que fago é invalidar a maior. Todo o que rodea ou procede dun individuo con semellante relativismo moral apesta. As obras de Riefenstahl ou Negu Gorriak poderán ser estéticas ou técnicas, pero non podo colaborar ó seu enaltecemento económico se con iso contribúo ós seus ideais, por non falar directamente de que en realidade tamén son un afloramento do seu trasfondo ideolóxico que tampouco debo apoiar. O teu caso ou o que comento non é nin a punta do iceberg, os chanchullos esténdense pola USC, a RAG, o ILG e permanecer calado significa ser cómplice (aínda que é un segredo a berros que xa nos chegou a campus onde nin se estuda Filoloxía) cando son institucións que nos representan a todos e que todos pagamos. É como os diamantes de sangue, Camps ou Jiménez Los Santos. Chega un momento en que os límites que se traspasan non son admisibles, e non falo dentro da moral católica ou do ruxe-ruxe, se non do humanismo.

  4. Pingback: Ramon Lorenzo censura um poema de Eduardo Estévez

Os comentarios están pechados.