baixeras e as traducións

o sábado estiven en ribadeo. a aelg entregáballe a xavier rodríguez baixeras o premio “letra e” e mais concedíalle a homenaxe “o escritor na súa terra”. é un dos actos máis bonitos que fan os escritores e as escritoras do país cada ano.

baixeras foi un dos primeiros poetas que lin en galego. viña nunha antoloxía bilingüe que merquei en 1993 cando estiven de paso por galiza, un ano antes de vir instalarme aquí.

cuns cantos dos poemas de rodríguez baixeras, ben acompañados, penso, dunha pequena selección doutros tres poetas da mesma xeración (cáccamo, forcadela e xela arias) preparei un pequeno volume que, co título finis terrae foi publicado en castelán en 1995 na colección el faraute da editorial venezolana la liebre libre polo meu amigo o poeta e editor harry almela.

nos anos que estiven en venezuela tiven ocasión de publicar as miñas primeiras traducións. ademais destas do galego, foron todas do portugués: chico buarque, affonso romano de sant’anna, cecília meireles e nuno júdice integran a lista de autores dos que publiquei cadanseu volume en diferentes editoriais.

en galiza, até o de agora, só publicara traducións de pequenas coleccións de poemas soltas en revistas: a arxentina alejandra pizarnik, a italiana patrizia cavalli.

esta semana preséntase o primeiro libro traducido por min ao galego. pero diso xa falarei mañá.

hoxe só quería deixar aquí a miña pequena homenaxe a xavier rodríguez baixeras cun poema publicado no meu só paxaros saíron desta boca que é remake do poema de baixeras que, o sábado, pepe cáccamo citou íntegro para pechar a súa laudatio a xavier en ribadeo.

 

sar

abrirei a porta amor
o sábado coa alba
e paxaros farrapentos
inundarán a casa de mel e plumas

sentado na poltrona
sorrirei ante a algazarra
e ó mediodía
cando chegue da cociña o cheiro
tépedo das cazolas no lume
verei marchar a bandada

atravesar o val cara ás torres

prometo varrer as plumas
antes de comer
pechar outra vez a porta

 

Unha reflexión sobre “baixeras e as traducións

  1. Ola Edu, que bonito é este poema, precisamente foi o que escollín para que pechase o noso recital da EPAPU de poemas de amor de poetas galegos. Antes del tamén lemos o de PODERÍA DECIR…
    supoño que saberás que son ALFREDO, senón xa cho lembro
    bico

Os comentarios están pechados.