versos que voan

recibín hai uns días no meu correo un feixe de imaxes: eran obras de alumnas e alumnos do ies de cacheiras. envioumos a súa profe de plástica, montse amigo. están feitos a partir de fragmentos de poemas meus. xa iso só, ademais de sorprenderme e encantarme, era motivo abondo para facerlles unha entrada neste blog. pero é que, ademais, parecéronme preciosos! a algún poñeríalle un marco e colgaríao na miña casa.

os traballos que aquí vos amoso son obra de: yasmina fraga, david montoto, eugenia cutrín, jennifer devesa, lorielles nunes, manuel camino, nazaret garcía, rocío garcía, rocío lueiro, sonia seoane e yessica rey.

agradecidísimo a estas mozas e mozos por tratar con tanto cariño os meus poemas. e a montse polo seu traballo: tanto o de profe de plástica, que os froitos demostran que é magnífico, como por dar espazo nas súas aulas á poesía galega actual.

se facedes clic aquí poderedes ver un vídeo no que, ademais destas obras sobre textos meus, hai outras sobre poemas de salvador garcía bodaño, marta dacosta, ana romaní, yolanda castaño, xela martínez, maría rosendo e modesto fraga. un luxo de compañeiras e compañeiros de viaxe.
o vídeo participa nun concurso do servizo de normalización do concello de santiago. podedes pasarvos polo facebook e votar por el!

NOTA: parece haber algún problema co servidor que uso para amosar as imaxes. mentres se resolve, podedes ir velas directamente en flickr facendo clic aquí.

(na parte superior esquerda da galería de imaxes podedes facer clic no “i” para ver o nome da autora ou autor de cada imaxe.)