sítio para susana

hai uns meses escribiume luís filipe cristóvão, poeta portugués, bo amigo. tiña o proxecto de relanzar a revista literaria sítio, do académico de torres vedras. xa dirixira a revista hai uns anos e desta volta propoñía lanzar o proxecto desde a rede e quería que eu colaborase aportando material de galiza. aceptei de inmediato. por dous motivos fundamentais: o primeiro é que a revista está orientada a novas voces e o segundo é porque o luís sempre demostrou interese e sensibilidade polo que se fai aquén miño. ademais do cariño que nos une e o que a min me gusta o seu traballo poético.
escollín para empezar a serie unha das poetas que máis me interesan do novo panorama galego: susana sánchez aríns. xa a incluíra hai un tempo na miña entrada n’as escollas electivas onde o meu criterio de selección de nomes foi algo así como “xente que escribe cousas que me gustaría ter escrito a min”. a partir de hoxe irán aparecendo textos seus durante a semana e unha entrevista que lle fixen cun intercambio de correos electrónicos ao longo de varias semanas. hoxe aparece o primeiro poema. espero que vos guste. podedes subscribirvos ás novidades da páxina. como adoita acontecer co traballo que nos vén de portugal é denso en contido. ademais, a min permitiume coñecer nas últimas semanas voces novas da poesía veciña que me sorprenderon gratamente.
susana sánchez aríns