sítio para susana

hai uns meses escribiume luís filipe cristóvão, poeta portugués, bo amigo. tiña o proxecto de relanzar a revista literaria sítio, do académico de torres vedras. xa dirixira a revista hai uns anos e desta volta propoñía lanzar o proxecto desde a rede e quería que eu colaborase aportando material de galiza. aceptei de inmediato. por dous motivos fundamentais: o primeiro é que a revista está orientada a novas voces e o segundo é porque o luís sempre demostrou interese e sensibilidade polo que se fai aquén miño. ademais do cariño que nos une e o que a min me gusta o seu traballo poético.
escollín para empezar a serie unha das poetas que máis me interesan do novo panorama galego: susana sánchez aríns. xa a incluíra hai un tempo na miña entrada n’as escollas electivas onde o meu criterio de selección de nomes foi algo así como “xente que escribe cousas que me gustaría ter escrito a min”. a partir de hoxe irán aparecendo textos seus durante a semana e unha entrevista que lle fixen cun intercambio de correos electrónicos ao longo de varias semanas. hoxe aparece o primeiro poema. espero que vos guste. podedes subscribirvos ás novidades da páxina. como adoita acontecer co traballo que nos vén de portugal é denso en contido. ademais, a min permitiume coñecer nas últimas semanas voces novas da poesía veciña que me sorprenderon gratamente.
susana sánchez aríns

spirit

hoxe, na clausura do vii encontro de escritoras/es novas/os organizado pola asociación de escrirtores e escritoras en lingua galega, proxectouse por primeira vez en público “spirit”.
é un vídeo que fixemos a partir do poema “spirit”, o primeiro da serie “esca e pedra”, publicada en culturagalega.org entre 2008 e 2009.
o plural do “fixemos” inclúe a dúas persoas fundamentais: mig seoane, que fixo a música e matías estévez, meu irmán, que fixo a edición de vídeo.
podedes velo aquí, na sección “palabra audiovisual” da web da aelg.

conclusións da asemblea da aelg

o sábado tivemos asemblea da asociación de escritores en lingua galega e tivemos ocasión de analizar, entre outras cousas, como se complica a actividade deste ano pola falta de axudas públicas.
léase ben o asunto: a redución do orzamento da aelg non é a enfermidade. é só un síntoma.

velaquí as conclusións aprobadas pola asemblea:

CONCLUSIÓNS DA ASEMBLEA XERAL DE SOCIOS/AS DA AELG

“Denunciamos a regresión na política de investimentos en todos os sectores da cultura, por parte do Goberno da Xunta de Galicia, o que está a destruír o construído nos últimos trinta anos por varias xeracións de creadores e creadoras e por toda a sociedade galega no seu conxunto. Estase a desfacer programaticamente o aínda mínimo tecido industrial na cultura e a necesaria profesionalización na mesma e faise desaparecer de facto a promoción da cultura de base, que é a seiva nutricia do tecido cultural galego, sendo de feito os que crean e demandan o consumo cultural.
Denunciamos a retirada de apoios á cultura e, nomeadamente, aos creadores e creadoras máis novos, por parte da Dirección Xeral de Xuventude, como nova forma de censura económica, impedindo deste xeito a posibilidade de dar continuidade aos encontros e o debate entre os que son o futuro da cultura galega, como se viña facendo en anos anteriores.
Denunciamos a retirada pola Consellería de Economía e Industria do apoio á creación de carácter cultural e de investigación da mesma, o que imposibilita a dotación permanente de contidos para a rede e o avance nas novas tecnoloxías aplicadas á cultura, coutando o desenvolvemento do propio proceso creativo nas diferentes manifestacións da nosa literatura.
Denunciamos que se levou a cabo unha escandalosa e radical diminución dos orzamentos da Consellería de Cultura e en consecuencia dos investimentos económicos desta Consellería nos escritores/as e o seu labor de creación, que nos devolve aos mesmos apoios que se achegaban desde a Administración galega á AELG hai vinte anos. Ao mesmo tempo o Xacobeo converteuse nunha mediocre promotora de festexos sen incidencia no tecido cultural ou no patrimonio cultural do país.
Constatamos que todas estas actuacións estruturais xeraron un crecente paro nos diversos sectores da cultura e, en concreto, no dos escritores como creadores/as de contidos para as diversas manifestacións da actividade cultural, sexa o libro, o teatro ou o sector audiovisual.
Reafirmámonos no expresado publicamente nos dous últimos anos polo Consello Directivo da AELG, contra o novo estatus do galego no ensino, minorizado aínda máis e limitado ao negar a posibilidade de impartir en galego materias vinculadas a áreas e espazos de prestixio na sociedade actual, como é a ciencia e a tecnoloxía. Apoiamos todo aquel profesorado que ten manifestado o seu compromiso para co mantemento da docencia nesta lingua, desde o convencemento da súa validez como ferramenta pedagóxica e necesidade como procedemento de apoio á arredada normalización lingüística.
Defendemos, desde a AELG, que todo o diñeiro que se gasta na cultura é un investimento produtivo, no convencemento inequívoco de que Galiza existe como un pobo, como unha nación diferenciada, porque ten unha cultura propia, un idioma propio, unha literatura que sobrepasa mesmo a dimensión editorial actual do país. Cada euro que se gasta en cultura ou na industria cultural e, en concreto, na consolidación e medre do tecido industrial editorial, non é unha subvención, é un investimento en alza no futuro de Galiza como pobo. Negar diñeiro á cultura é crear paro. O país empobrece cultural, económica e socialmente e negándosenos como galegos e galegas.

En Compostela, a 5 de febreiro de 2011.”

PRONUNCIAMENTO DA ASEMBLEA XERAL DE SOCIOS/AS DA AELG SOBRE A CIDADE DA CULTURA

“Demandamos, desde a AELG, unha moratoria na construción de novos edificios até que non haxa condicións económicas axeitadas e un proxecto de uso sostíbel que responda ás necesidades de Galiza e da cultura galega.
Demandamos que os edificios construídos, ademais de estaren ao uso da cultura galega, sexan desposuídos de pretensións de iconografía megalómana falsamente artística que infrautiliza estes edificios e non responde ás necesidades dun programa de uso racional para ser aproveitado pola cidadanía.
Demandamos asemade que os usos da biblioteca pública deste espazo público galego sexan estrutural e maioritariamente en galego e sobre a cultura galega, sen desbotarmos a súa relación con outras culturas do mundo, como xa é parte da historia e da tradición da nosa cultura ao longo dos séculos.
Demandamos do goberno galego actual, máximo axente responsábel, que procure a autofinanciación dos edificios construídos e mais das súas actividades, non debendo detraer da Consellería de Cultura nin un euro dos seus fondos, escandalosamente minguados polo goberno galego nos dous últimos anos.
Rexeitamos o acollemento da obra de Cela na biblioteca da Cidade da Cultura e pedimos unha auditoría do uso dos fondos públicos entregados á mesma nos últimos vinte anos.
Finalmente, a Asemblea Xeral de Socias e Socios da AELG, reunida no Museo do Pobo Galego, en Compostela, o día 5 de febreiro de 2011, quere deixar claro á cidadanía que a utilización dos edificios do Gaiás, de uso público e construídos con diñeiro público por parte desta asociación, nunca lexitimará o proxecto de orixe nin aqueles que o queiran levar a usos contra a cultura galega ou á confusión sobre o que é cultura galega ou literatura en galego.”

fonte: www.aelg.org

pel con pel en moaña

o sábado pasado estiven en moaña na presentación de pel con pel.
hai dous detalles que fan que estas presentacións sexan ben diferentes ás de sempre: unha é que se fan en horas de sol e a outra é que o público está composto por pais, nais e moitos nenos pequenos.
da vez pasada, en compostela, o auditorio era grande e por iso houbemos ler os textos nun pequeno estrado, con atril e micro. eu teño nese libro un texto algo difícil de ler en alto porque é bastante fragmentario e xoga con varias voces. e, a pesar de que foi emocionante para min, non quedou tan ben a lectura.
o do sábado foi diferente. había menos xente, o sitio era máis pequeno e escollín non usar o micro e ler diante da xente, pegadiño á primeira fila. e o resultado foi moito mellor. hai tempo diría que habería que preguntar ao público para saber se saíra ben. pero agora aprendín a lelo nas caras, nos ollos que me miran mentres leo, que sorrín cos fiusssssss e bummmmmm do poema.
así que podo dicir, sen dubidalo, que foi unha lectura preciosa (grazas, estevo, polo adxectivo).
hai algunhas fotos no blog de editorial galaxia. pero eu teño algunha máis. mirade:
pel con pel en moaña
pel con pel en moaña
pel con pel en moaña

dignidade

ía titular este post “vergoña” que é o que me produce a nova de que o goberno do meu país (nótese que non utilizo a expresión “o meu goberno”) outorgue míseros € 83,53 a unha agrupación como a lonxa literaria de moaña que xa ten demostrado todo o que facía falta demostrar sobre o seu compromiso serio coa promoción do libro e a lectura.

pero preferín titular así, porque aplaudo a decisión dos membros da lonxa de rexeitar a inxuria (ía chamalo “subvención”) co argumento seguinte: “A cantidade concedida (83,53 euros) parécenos absolutamente insignificante, tanto que renunciamos a xustificar a nosa actividade para poder cobrala”.

os meus parabéns para os amigos da lonxa literaria. xa contaban co meu aprezo e respecto. agora contan tamén coa miña admiración.