spirit

hoxe, na clausura do vii encontro de escritoras/es novas/os organizado pola asociación de escrirtores e escritoras en lingua galega, proxectouse por primeira vez en público “spirit”.
é un vídeo que fixemos a partir do poema “spirit”, o primeiro da serie “esca e pedra”, publicada en culturagalega.org entre 2008 e 2009.
o plural do “fixemos” inclúe a dúas persoas fundamentais: mig seoane, que fixo a música e matías estévez, meu irmán, que fixo a edición de vídeo.
podedes velo aquí, na sección “palabra audiovisual” da web da aelg.

conclusións da asemblea da aelg

o sábado tivemos asemblea da asociación de escritores en lingua galega e tivemos ocasión de analizar, entre outras cousas, como se complica a actividade deste ano pola falta de axudas públicas.
léase ben o asunto: a redución do orzamento da aelg non é a enfermidade. é só un síntoma.

velaquí as conclusións aprobadas pola asemblea:

CONCLUSIÓNS DA ASEMBLEA XERAL DE SOCIOS/AS DA AELG

“Denunciamos a regresión na política de investimentos en todos os sectores da cultura, por parte do Goberno da Xunta de Galicia, o que está a destruír o construído nos últimos trinta anos por varias xeracións de creadores e creadoras e por toda a sociedade galega no seu conxunto. Estase a desfacer programaticamente o aínda mínimo tecido industrial na cultura e a necesaria profesionalización na mesma e faise desaparecer de facto a promoción da cultura de base, que é a seiva nutricia do tecido cultural galego, sendo de feito os que crean e demandan o consumo cultural.
Denunciamos a retirada de apoios á cultura e, nomeadamente, aos creadores e creadoras máis novos, por parte da Dirección Xeral de Xuventude, como nova forma de censura económica, impedindo deste xeito a posibilidade de dar continuidade aos encontros e o debate entre os que son o futuro da cultura galega, como se viña facendo en anos anteriores.
Denunciamos a retirada pola Consellería de Economía e Industria do apoio á creación de carácter cultural e de investigación da mesma, o que imposibilita a dotación permanente de contidos para a rede e o avance nas novas tecnoloxías aplicadas á cultura, coutando o desenvolvemento do propio proceso creativo nas diferentes manifestacións da nosa literatura.
Denunciamos que se levou a cabo unha escandalosa e radical diminución dos orzamentos da Consellería de Cultura e en consecuencia dos investimentos económicos desta Consellería nos escritores/as e o seu labor de creación, que nos devolve aos mesmos apoios que se achegaban desde a Administración galega á AELG hai vinte anos. Ao mesmo tempo o Xacobeo converteuse nunha mediocre promotora de festexos sen incidencia no tecido cultural ou no patrimonio cultural do país.
Constatamos que todas estas actuacións estruturais xeraron un crecente paro nos diversos sectores da cultura e, en concreto, no dos escritores como creadores/as de contidos para as diversas manifestacións da actividade cultural, sexa o libro, o teatro ou o sector audiovisual.
Reafirmámonos no expresado publicamente nos dous últimos anos polo Consello Directivo da AELG, contra o novo estatus do galego no ensino, minorizado aínda máis e limitado ao negar a posibilidade de impartir en galego materias vinculadas a áreas e espazos de prestixio na sociedade actual, como é a ciencia e a tecnoloxía. Apoiamos todo aquel profesorado que ten manifestado o seu compromiso para co mantemento da docencia nesta lingua, desde o convencemento da súa validez como ferramenta pedagóxica e necesidade como procedemento de apoio á arredada normalización lingüística.
Defendemos, desde a AELG, que todo o diñeiro que se gasta na cultura é un investimento produtivo, no convencemento inequívoco de que Galiza existe como un pobo, como unha nación diferenciada, porque ten unha cultura propia, un idioma propio, unha literatura que sobrepasa mesmo a dimensión editorial actual do país. Cada euro que se gasta en cultura ou na industria cultural e, en concreto, na consolidación e medre do tecido industrial editorial, non é unha subvención, é un investimento en alza no futuro de Galiza como pobo. Negar diñeiro á cultura é crear paro. O país empobrece cultural, económica e socialmente e negándosenos como galegos e galegas.

En Compostela, a 5 de febreiro de 2011.”

PRONUNCIAMENTO DA ASEMBLEA XERAL DE SOCIOS/AS DA AELG SOBRE A CIDADE DA CULTURA

“Demandamos, desde a AELG, unha moratoria na construción de novos edificios até que non haxa condicións económicas axeitadas e un proxecto de uso sostíbel que responda ás necesidades de Galiza e da cultura galega.
Demandamos que os edificios construídos, ademais de estaren ao uso da cultura galega, sexan desposuídos de pretensións de iconografía megalómana falsamente artística que infrautiliza estes edificios e non responde ás necesidades dun programa de uso racional para ser aproveitado pola cidadanía.
Demandamos asemade que os usos da biblioteca pública deste espazo público galego sexan estrutural e maioritariamente en galego e sobre a cultura galega, sen desbotarmos a súa relación con outras culturas do mundo, como xa é parte da historia e da tradición da nosa cultura ao longo dos séculos.
Demandamos do goberno galego actual, máximo axente responsábel, que procure a autofinanciación dos edificios construídos e mais das súas actividades, non debendo detraer da Consellería de Cultura nin un euro dos seus fondos, escandalosamente minguados polo goberno galego nos dous últimos anos.
Rexeitamos o acollemento da obra de Cela na biblioteca da Cidade da Cultura e pedimos unha auditoría do uso dos fondos públicos entregados á mesma nos últimos vinte anos.
Finalmente, a Asemblea Xeral de Socias e Socios da AELG, reunida no Museo do Pobo Galego, en Compostela, o día 5 de febreiro de 2011, quere deixar claro á cidadanía que a utilización dos edificios do Gaiás, de uso público e construídos con diñeiro público por parte desta asociación, nunca lexitimará o proxecto de orixe nin aqueles que o queiran levar a usos contra a cultura galega ou á confusión sobre o que é cultura galega ou literatura en galego.”

fonte: www.aelg.org