arsenio iglesias pazos na escena

despois de moito agardar, finalmente hai unhas semanas fixo aparición na escena literaria galega o ático de arsenio iglesias pazos. quero tanto a este mozo fenés que tendes dereito a sospeitar de toda cousa boa que poida dicir do seu libro. pero non me resisto a facelo. por varias razóns.

a primeira é que me fascina a maneira en que arsenio tece os seus poemas. sempre dixen deles que o único malo que lles vexo é que non se me ocorreron a min antes: ten esa capacidade envexábel de mirar o detalle preciso, o xesto oportuno, ese que describe un mundo, que traza unha idea e, sobre todo, que sempre sempre abre unha fiestra.

é un dos poucos poetas optimistas que son capaz de lembrar.

a segunda razón é que vin nacer o libro de arsenio desde o primeiro verso. compartimos xuntos moitos anos de obradoiro literario na biblioteca municipal de fene. alí vimos a arsenio descubrir que a poesía podía ser outra cousa (nunca a poesía galega agradecerá suficientemente a celso fernández sanmartín o pulo de aire que lle inxectou e lle inxecta aquel seu poema da latiña de mexilós ou o das claudias, ambos do seu libro sen título) e arsenio -non o digo eu- aprendeu outra maneira de mirar para o poema. e fíxose un lector moi agudo. moitas veces pensei, escoitándoo comentar os textos dos compañeiros, que podía coordinar ese obradoiro literario moito mellor ca min.

a terceira razón vén xustificarma concretamente o máis “negativo” dunha recención que xosé m. eyré publica hoxe en galicia confidencial (e conste que o propio eyré deixa claro que para el non é un problema do libro): o asunto de que, como o libro está estruturado sobre textos que contan unha historia na que hai personaxes, aquilo entón xa non é poesía senón que é narrativa. a cita concreta é “Cando un se pon a ler e atopa personaxes e se dá conta de accións que levan a cabo esas personaxes, o máis seguro é que teña diante exemplos de narrativa e non  de poesía. Como aquí sucede”. teño (pola conta que me ten) que estar en desacordo con esta afirmación. e o meu desacordo baséase, curiosamente, noutra afirmación que fai o propio eyré no seu texto: ve aparecer eyré a poesía de arsenio no momento da lectura. di, concretamente “De xeito que o feito poético reside máis no lector que no texto, o texto só é un axente provocador dese pouso, dese feito poético”.

o poema (o relato, a novela, toda obra literaria) é no momento da lectura porque é un acto de comunicación. e o acto de comunicación non existe se non hai un receptor. ademais, unha vez que (xa hai moitos anos, arredor dun século) os límites dos xéneros empezan a diluírse, é o acto de recepción o que determina, en calquera caso, o xénero (por certo, quen di “acto de recepción” di, por extensión, “sistema” e aí a afirmación pasa a ter validez tamén para os xéneros clásicos).

se o texto, como di eyré, é o axente provocador do feito poético, logo é un poema. véxome tentado a dicir que a definición de poema é aquilo que provoca un feito poético, pero sería -ou parecería- unha definición tautolóxica. logo non vou ceder, preferiría definir o poema como o texto que ten como centro unha construción de beleza (ou de fealdade, que é unha forma de beleza). xa que logo, esas historias con personaxes que fan que o crítico se decante pola definición narrativa, non é en ático máis que unha anécdota, unha excusa, utilizada polo autor para fabricar beleza e (segundo obxectivo) producir idea e facer que poñamos en cuestión a nosa maneira de mirar o mundo: esa outra función da poesía, tan necesaria nestes tempos de pensamento único e seguidismo ideolóxico.

levo varios días pendente de colgar un post para compartir a miña ledicia pola aparición deste libro de arsenio e esta nota de eyré deume tempo a unha reflexión maior que lle agradezo. o día que lin (penso que en facebook) que o editor xa achegara algúns exemplares ás librarías, fun á carreira e merquei o meu. non me deu nin para chegar á casa. sentei nunha cafetaría (era sábado e había sol) e volvín ler o libro e emocionarme como a primeira vez. como cada venres que arsenio chegaba ao obradoiro de fene co agasallo dun novo poema diso que nin el mesmo sabía que acabaría dando un libro, un premio, algún desgusto e, á fin, esta ledicia.

este sábado vou recitar con arsenio (e con outros poetas aos que admiro) nunha libraría de vila nova de cerveira nun acto organizado por edicións positivas (alias paco macías). vai ser un recital precioso. e para min vai ser unha ledicia enorme ver a arsenio ler os poemas dun exemplar desa edición tan sinxela e preciosa que fai paco en di-versos. (temos moita sorte, arsenio e mais eu, de ter recalado nesa colección.) oxalá poidades acompañarnos…