en italiano

veño de recibir notificación de que un poema de construcións foi publicado en italiano no sitio bibliomanie.it.
a tradución é de roberto righi, un grande amigo ao que admiro e co que temos pasado boas horas dándolle volta ás cousas da lingua e das linguas.
existen algunhas pequenas diferencias entre o texto publicado en italiano e a versión orixinal en galego. de feito, existen algunhas pequenas diferencias entre a versión en galego que acompaña a tradución en bibliomanie.it a respecto da que se publicara no libro de edicións positivas en 2008. son pequenos matices que naceron da conversación sobre a tradución e que non me resistín a modificar.
atribúeselle a borges a frase “publico libros para deixar de corrixir os poemas”. está visto que nin mesmo a publicación en libro é para min un impedimento para o vicio de seguir corrixindo. tampouco non o era para borges, que modificaba os seus poemas entre unha edición e outra. salvando as obvias distancias, claro.

o romántico mirón

hai dous días chegoume ao correo información dun concerto que tivo lugar a finais de febreiro organizado pola xente da lonxa literaria de moaña, onde estiven hai algúns meses.

trátase dunha actuación de “xardín desordenado”, un proxecto de experimentados músicos, que fían textos da poesía galega actual coas cores do blues, o jazz, o bolero…

e tiveron a xenerosidade de incluír no traballo un tema feito a partir dun dos poemas do meu construcións ao que titularon así, “o romántico mirón”.

este é un vídeo con fragmentos da actuación.

hoxe chegoume o vídeo completo do tema e quedei máis encantado que estaba.

velaquí vai:

o texto do poema está aquí (é o segundo, o que empeza “ao entrar no bar atopou libre / …”)

engádovos tamén un pdf coa información do proxecto (desculpade a calidade pero está feito a golpe de escáner), agardando con impaciencia que acaden logo o disco que proxectan e mais poder encontrarme con eles, coñecelos e ver o espectáculo completo en directo.

mentres tanto, o meu agradecemento emocionado.

mellor libro de poesía para adultos de 2008

veño de saber, por casualidade, que os lectores de fervenzas literarias escolleron construcións como mellor libro de poesía para adultos de 2008.

non podo dar demasiados detalles sobre este premio porque os descoñezo. si que se outorga por votación dos lectores da web. e xusto viña de comentarlle a un bo amigo que os premios dos lectores son os que máis me apetecería recibir.

non podo, logo, ocultar a miña ledicia por esta nova recibida a destempo.

microrrelatos en obras

a xente do clube de lectura do ies moncho valcárce das pontes ten un blog onde manteñen diversa información sobre as cousas que fan.

no blog hai unha sección “microrrelatos“. a idea é ofertar pequenas lecturas para que se poidan facer directamente no blog, a maiores doutras que se fan en libros e no blog só se comentan.

a curiosidade está en que, nesa sección, incluíron un par de poemas do meu libro construcións. sempre dixen que, a estas alturas da historia da literatura, os límites entre os xéneros son ben discutíbeis, difusos e mesmo innecesarios ou inútiles.

e a min pregúntanme con frecuencia por que digo que construcións é un libro de poesía e non de relatos.

a mirada sistémica diría simplemente que construcións é poesía porque levou un premio de poesía, porque está editado nunha colección de poesía, etcétera. quer dicir: se o sistema o asume como poesía, éo.

eu digo que a poesía está na metonimia que implica a mirada nos detalles. e na preocupación dos textos por plantexar preguntas no canto de ofrecer respostas.

pero o que eu diga pouco importa. o importante é que os lectores collan eses textos e os transformen, os manipulen. os queiran.