apuntamentos despois dun encontro de poetas

recital
poder escoitar tanta xente nova que escribe poesía é, nestes tempos que nos tocan, un feito gratificante. xa tivera ocasión dun encontro con xente nova nunha jam do ciclo picaversos e sorprendérame daquela a calidade xeral do que oín.

cero euros
o encontro estaba organizado con cero euros por unha das novas editoras galegas. como se dixo no mesmo encontro, este tipo de cousas organizábanas antes as institucións. unha vez que elas prescindiron da súa responsabilidade coa difusión cultural, cómpre que ese espazo o dinamicen outros.

sermos capaces de facer cousas sen carto é algo do que gabarse. pero non está ben que sexa o normal. estamos diante dun cambio no sistema. no de antes, os poetas eran os únicos que non vían carto no ciclo da edición: editores, impresores, distribuidores e libreiros sempre cobraron o seu tanto por cento e os poetas, por regla xeral, non vían un peso. eran, con frecuencia, os convidados pobres aos eventos públicos: tantas veces chamaban (e chaman) a un poeta para recitar a cambio do bocadillo persoas e organizacións ás que nin se lles pasaría pola cabeza chamar un músico ou un contacontos sen comprobar antes o saldo da conta corrente. supónselle ao escritor en xeral (e ao poeta en particular) un compromiso desinteresado co desenvolvemento da cultura do país que non se lle supón ao resto de axentes culturais. pensar que o traballo do poeta ten que ser recompensado sería un bo obxectivo agora que temos que redeseñar o sistema. fai parte do mesmo esquema de pensamento o feito de que os actos públicos centrados en intervencións poéticas adoitan ser de balde: se a xente non se habitúa a pagar por unha actividade, mal pode entender que o que a leva a cabo mereza cobrar. os dous ou tres euros que se cobran ao público no ciclo picaversos constitúen un exemplo de honrosa excepción que debería ser norma.

cando as institucións poñían (algún) esforzo na difusión da poesía, as editoras tradicionais e os libreiros estaban alí. cal é agora o seu papel?

colectivos
durante a quenda de debate do encontro preguntouse polos colectivos nos procesos de produción e penso que houbo acordo en que a escrita é un acto case sempre individual e que o papel do colectivo é a difusión: crear espazos, xuntar forzas, impulsar, abrir portas. as novas editoriais, moitas delas proxectos colectivos, son un bo exemplo diso.

lectores e lectoras
falouse de pensar a poesía sen esquecerse do lector, da xente. a realidade é que estamos nun sistema sen público. durante canto tempo e cantos esforzos pode sosterse un sistema poético sen lectores? a difusión (a edición, os recitais, internet) é un esforzo necesario pero gañar lectores é imprescindíbel.

con esta finalidade, falouse da importancia da poesía feita con emoción e que provoque emoción. rénxenme estes conceptos. non digo que a poesía non deba ser feita con emoción nin procurar emocionar o lector. pero falar de “corazón” sen falar de “cabeza” é un reducionismo que fai máis dano á poesía do que se pensa. cal é o espazo para o intelecto? onde quedan as ideas? onde a reflexión? eu pensaba que, sobre todo entre a xente máis nova, esta concepción clásica da poesía xa non existía. non serve unha poesía que só apela á emoción: máis aínda en tempos como estes nos que se necesita dunha poesía que faga reflexionar, cuestionarse o mundo, que brinde perspectivas novas, aínda que non amose necesariamente outros puntos de vista senón só a súa posibilidade.

e falouse tamén do ensino, da importancia do ensino para crear lectores de poesía. o papel dos poetas e das poetas neste empeño é fundamental pero insuficiente se non se conta cun sistema educativo que faga xermolar este traballo. o poeta vai a un centro de ensino un día e conquista lectores. pero iso é unha semente que cómpre regar e coidar. e para iso precísase, dun profesorado lector que saiba que a poesía non remata na xeración española do 27 porque os rapaces, ademais de coñecer os clásicos, precisan unha poesía que lles sexa próxima, que lles fale na súa lingua. mentres os docentes e as docentes do noso país sigan a afirmar que non len poesía, que non son capaces de dar media ducia de nomes de poetas novos, sen morrer coa vergoña estamos perdidos.

o/a poeta
a poesía require honestidade pero tamén require traballo, técnica, esforzo. o poeta non nace, non é un ser tocado dunha maxia porque non hai maxia, porque non hai musas, porque non hai deus. o poeta faise con traballo, técnica e esforzo.

e coñecemento. é importante ter algo que dicir e isto é sempre froito da reflexión seria, da lectura, de ollada inquisitiva sobre as cousas. alguén falou da poesía como forma de coñecemento. isto é fundamental.

o sistema
e celebrouse a desaparición do requisito de pasar por un editor para difundir a poesía, desa especie de democratización do sistema literario que é internet e todas as súas ferramentas. non deu tempo para moito debate a este respecto pero a min hai algo que me preocupa nesa “democratización”: en calquera sistema literario, os editores e os libreiros e a crítica xogan un papel necesario de peneira. porque os autores somos narcisistas e sempre vemos no espello algo fermoso. pero o sistema ten que axudar ao lector a separar o gran da palla. e, cando os axentes do sistema faltan, instálase un caos que pode ser interesante e enriquecedor pero que require dos autores un grao de autocrítica moito máis elevado.

nun sistema literario normal, internet pode ter esa función de filtro porque, o que non ten apoio lector, esfúmase na rede. pero o noso é un sistema anormal porque é un sistema sen un corpo lector relevante onde o peso dos “gústame” dos amigos supera sempre o peso dos “gústame” ou “non me gusta” do lector anónimo que é o que realmente conta porque opina sen ataduras afectivas.

os colectivos poden cumprir ese papel porque poden converterse nun espazo -previo á confrontación da obra co público- que cumpra o papel construtivo de afinar, axustar, enriquecer o traballo do autor. pero para iso precisamos uns colectivos críticos e uns autores e autoras receptivos á crítica porque axuda a crecer. se o colectivo converte o onanismo do espello en onanismo de grupo tampouco non serve.

conclusións?
non son moi amigo de tirar conclusións porque o papel da poesía é situar preguntas. as respostas son sempre efémeras: o que perdura son as dúbidas. pero ocórreseme unha fórmula rápida: na poesía hai presente abondo como para pensar que pode haber futuro, pero haise que andar con tino e non dar paus de cego. ben ao contrario: hai que pisar firme e mirar ben, sobre todo dentro.

nota tal vez innecesaria: onde di “editores” non di “todos os editores”, onde di “libreiros” non di “todos os libreiros”, onde di “docentes” non di “todos os docentes”. cada quen que se sitúe onde considere conveniente.