“rúa da cancela” en vigo

caldeirón en vigo

 

este venres ás 20.00 en librouro (vigo) participarei dun novo recital-presentación dos libros de caldeirón.

será para presentar os libros todos desta colección de poesía erótica na que se publican as obras gañadoras do certame de poesía erótica illas sisargas que convoca anualmente a a.c. caldeirón e o concello de malpica.

compartirei mesa con recital antonio garcía teijeiro (gañador da 1ª edición do premio) e maría lado (a gañadora de 2010 que acaba de ver publicado o seu libro amantes).

a ver se nos vemos por aí.

pel con pel

este domingo estarei na presentación de pel con pel, un volume que publica editorial galaxia en colaboración con fedegalma.

o volume contén as fotos premiadas no II concurso sobre lactación materna que organizou fedegalma, acompañadas de textos de escritores e escritoras do país: dores tembrás, marta dacosta, begoña caamaño, ledicia costas, francisco castro, alfredo ferreiro, xosé maría álvarez cáccamo, román raña, yolanda castaño e mais eu.

a cita é no centro sociocultural das fontiñas ás 16:30.

recital alalá

o venres pasado estiven nas pontes, convidado polo grupo poético alalá.

é unha xente encantadora (á que xa coñecía doutras miñas incursións por aló) que sostén unha envexábel actividade literaria. entre outras cousas, fan todos os anos dous recitais públicos na casa dopeso (o auditorio municipal das pontes, digamos): un en primavera e outro no outono.

nalgúns deses recitais convidan un poeta para que os acompañe.

a primeira vez que fun, de público, pensei, ao entrar no auditorio, que eran uns optimistas. aquela sala é enorme. e eu só unha ou dúas veces vira máis de 50 persoas nun recital.

pero pouco a pouco aquilo foise ocupando e, aínda que non queda xente de pé, si que o aspecto ao comezo do acto impresiona.

o grupo organiza o recital con mimo, decoran o escenario sempre con algún motivo diferente, entregan programas de man, convidan músicos a que os acompañen nos interludios entre lectura e lectura (este ano, ademais, houbo unhas mostras de danzas orientais). todo está moi ben montado.

a achega máis interesante destes recitais consiste en que preparan un power-point e, a medida que vas lendo, os textos vanse proxectando detrás túa. é unha cousa que moitas veces boto en falta como público de recitais: ver os cortes de verso do poema. aquí este asunto está solventado.

si é certo que lle resta un pouco de espontaneidade pero eu busqueille a volta e non me sentín o encorsetado que pensaba.

porque (aínda non o dixen) o escritor convidado deste recital de primavera fun eu.

deixo aquí constancia do meu agradecemento aos alalás polo seu convite: santi, gloria, aníbal, ofelia e maricarmen.

e un par de fotos para que vexades como foi a cousa.

recital alalá

recital alalá