cos alalá nas pontes

onte estiven nas pontes na presentación do libro co que o grupo alalá celebra dez anos de andaina poética. son unha xente estupenda: coñecémonos hai anos e xa compartimos moitas veladas poéticas na casa dopeso ou no alovi.

eles non saben ben o valor que ten facer recitais poéticos con medio cento de espectadores fieis. e fano. dúas veces ao ano. e fano con mimo. e sáelles ben.

onte compartimos un deses recitais nos que nos fixeron sentir como na casa.

estaban tamén antón fortes, xosé luis sobrino, e xosé vázquez pintor.

montaron no escenario do alovi un salón con sofás que eran unha metáfora do que eles son: xente coa que un sempre está a gusto, que fan que te sintas como na casa.

o meu agradecemento para santi, ofelia, gloria, maricarmen e aníbal. por contar comigo, por convidarme sempre e por tratarme sempre ben. e a miña noraboa por dez anos de andaina. prometo estar presente na celebración dos vinte. e cantas veces poida desde aquí até aló.

 

instantes detidos

o venres estiven nas pontes para acompañar a santi del moral na presentación do seu primeiro libro: instantes detidos.

santi foi un dos membros máis activos do obradoiro literario que coordinei na biblioteca das pontes hai uns anos e, segundo dixo el, este libro é froito desa experiencia. santi leva escribindo… non sei se toda a vida pero moito tempo seguro. e chegou ao obradoiro cun estilo decantado e moi sólido. o obradoiro non ten máis mérito que, se acaso, insistirlle para que xuntase nun libro o material que tiña e axudalo para darlle forma en conxunto. o resto é froito do traballo constante de santi, da súa visión do mundo, as súas lecturas e da experiencia no grupo alalá. 

o libro está publicado por biblos.