baixeras e as traducións

o sábado estiven en ribadeo. a aelg entregáballe a xavier rodríguez baixeras o premio “letra e” e mais concedíalle a homenaxe “o escritor na súa terra”. é un dos actos máis bonitos que fan os escritores e as escritoras do país cada ano.

baixeras foi un dos primeiros poetas que lin en galego. viña nunha antoloxía bilingüe que merquei en 1993 cando estiven de paso por galiza, un ano antes de vir instalarme aquí.

cuns cantos dos poemas de rodríguez baixeras, ben acompañados, penso, dunha pequena selección doutros tres poetas da mesma xeración (cáccamo, forcadela e xela arias) preparei un pequeno volume que, co título finis terrae foi publicado en castelán en 1995 na colección el faraute da editorial venezolana la liebre libre polo meu amigo o poeta e editor harry almela.

nos anos que estiven en venezuela tiven ocasión de publicar as miñas primeiras traducións. ademais destas do galego, foron todas do portugués: chico buarque, affonso romano de sant’anna, cecília meireles e nuno júdice integran a lista de autores dos que publiquei cadanseu volume en diferentes editoriais.

en galiza, até o de agora, só publicara traducións de pequenas coleccións de poemas soltas en revistas: a arxentina alejandra pizarnik, a italiana patrizia cavalli.

esta semana preséntase o primeiro libro traducido por min ao galego. pero diso xa falarei mañá.

hoxe só quería deixar aquí a miña pequena homenaxe a xavier rodríguez baixeras cun poema publicado no meu só paxaros saíron desta boca que é remake do poema de baixeras que, o sábado, pepe cáccamo citou íntegro para pechar a súa laudatio a xavier en ribadeo.

 

sar

abrirei a porta amor
o sábado coa alba
e paxaros farrapentos
inundarán a casa de mel e plumas

sentado na poltrona
sorrirei ante a algazarra
e ó mediodía
cando chegue da cociña o cheiro
tépedo das cazolas no lume
verei marchar a bandada

atravesar o val cara ás torres

prometo varrer as plumas
antes de comer
pechar outra vez a porta

 

en italiano

veño de recibir notificación de que un poema de construcións foi publicado en italiano no sitio bibliomanie.it.
a tradución é de roberto righi, un grande amigo ao que admiro e co que temos pasado boas horas dándolle volta ás cousas da lingua e das linguas.
existen algunhas pequenas diferencias entre o texto publicado en italiano e a versión orixinal en galego. de feito, existen algunhas pequenas diferencias entre a versión en galego que acompaña a tradución en bibliomanie.it a respecto da que se publicara no libro de edicións positivas en 2008. son pequenos matices que naceron da conversación sobre a tradución e que non me resistín a modificar.
atribúeselle a borges a frase “publico libros para deixar de corrixir os poemas”. está visto que nin mesmo a publicación en libro é para min un impedimento para o vicio de seguir corrixindo. tampouco non o era para borges, que modificaba os seus poemas entre unha edición e outra. salvando as obvias distancias, claro.

subprime lending

no blog de jonathan dunne, tradutor de manuel rivas, aparece publicada unha tradución feita por steve porter dun dos poemas da serie “esca e pedra”.
coñecín a steve hai uns meses, cando contactou comigo porque estaba interesado en traducir algúns destes textos. é un tipo encantador co que xa intercambiamos algunhas cervexas literarias conversando sobre os textos e as traducións.
leva pasado moito traballo steve, non só porque foi descubrindo aos poucos que a aparente sinxeleza dos textos agochaba non poucas trampas, senón porque, ademais de traducir, está empeñado en publicar as traducións.
este é o primeiro éxito que acada cos meus poemas. pero os dous agardamos que haxa máis.
o meu agradecemento para steve e o desexo compartido de que os textos atopen lectores interesados.