construcións
santiago de compostela (galiza), edicións positivas, 2008
isbn 978-84-87783-96-8
construcións

 

(selección de textos)

 

 

merquei unha parella
de canarios
para facer menos desolada
a orde da casa

morreron aos tres días
de virus ou tristura

non tiñan aínda
nome

 

null

 

ao entrar no bar atopou libre
a mesa onda a fiestra
diante da boca do metro

dende alí podería
pensou ao tempo que quitaba
a chaqueta
vela mellor cando saíse
ao frío

facíao a diario e
aproximadamente
á mesma hora

ela aparecía no medio
da multitude
pequena apreixábel
e no medio da multitude
desaparecía

así que sentou a carón da fiestra
faltaban pouco
e pediu un cortado

non despegou a vista
da boca do metro
nin cando abriu o azucre
nin cando o verqueu na cunca

algúns grans brancos
acabaron no prato
algúns
no pano

e pasaron os minutos
devagar coma doenzas
e ela non saíu

e fóiselle facendo
un nó de frío e mágoa
na gorxa

porque xustamente hoxe sentara
na mesa exacta
porque xustamente
hoxe amábaa máis que nunca

e concluíu que o xesto
de agardala todos os días
de vela todos os días
dende lonxe
sumir entre a xente
era proba abondo
de amor

e pensou no equilibrio

e na soidade

e a súa cunca estaba chea
o café frío
cando se levantou
acaroouse á barra
pagou o café que non tomara
e marchou ás présas
para evitar que o visen
chorar na rúa

 

null

 

sentou ao seu carón

víraa cando subiu no autobús
e decidiuno porque
a praza estaba libre
e ela era nova e parecía
bonita detrás do cabelo que agochaba
parte do rostro

pero non considerou que o sitio
era o menos indicado para poder
mirala

requiría xirarse
dun xeito impúdico

ademais
ela mantiña a cabeza
levemente inclinada
sobre un libro que lía e o pelo
caíalle polo lado da cara xusto do lado
del

así que na media
hora ou tres cuartos da viaxe
debeu conformarse
con seguir de esguello
os dedos as uñas
curtas
con esmalte transparente

sostiña un lapis co que ía facendo
anotacións na marxe das páxinas

tiña unha letra áxil e miúda
a miopía impedíalle distinguir
o escrito

por media
hora ou tres cuartos miroulle as mans
os dedos finos
e iso púxoo
nalgún sentido moderadamente feliz

nalgún sentido
triste

de súpeto ela
levanta a vista
deixando ao descuberto o rostro e el
vólvese e míraa
despreocupado da interpretación
que ela poida facer
do xesto

tiña a mirada limpa e un lunar
xusto debaixo do ollo esquerdo

pero o autobús
achegábase xa ao destino
del e levantouse

dirixiu confuso
os pasos cara á porta

e premeu o timbre
para indicar ao condutor
a súa intención de baixar
na seguinte parada

 

null

 

ela ía pola rúa deserta
mirando como a súa sombra
se transformaba
nas irregularidades da parede
co paso de cada farol

ela ía deserta pola rúa
e a súa sombra miraba como a cada
paso
a cada farol
ela se transformaba adaptándose
ao mundo
irreal

 

null

 

g lía nunha novela

o protagonista chámase w

é o narrador da historia e
está namorado de n

n marchou a un sitio
non especificado

(o autor escolleu que w
fose o narrador
porque isto lle permite manexar
con maior realismo os datos que amosa
e os que distrae)

w escríbelle a n con frecuencia
longas narracións da súa vida cotiá

n só ocasionalmente
unhas liñas breves
e non moi precisas

un día w chega á casa
e atopa unha carta de n

polo tacto
é desusadamente
extensa

non a le de contado

vai ao cuarto
senta na cama e
con meditada lentitude
racha o sobre desprega
as follas que contén
e comeza

o texto na novela
está transcrito íntegro

cando w remata
no libro a lectura di
«lin a carta dende o inicio unha segunda vez»

sorpresivamente g
volve atrás varias páxinas
e disponse a ler el tamén
outra vez
a carta

antes diríxese á fiestra e ábrea

g le
con atención

tenta imaxinar
os pensamentos que podería ter w
diante daquelas follas manuscritas

remata
chega a
«lin a carta dende o inicio unha segunda vez»
e continúa

«despois baixei, merquei un refresco de cola na máquina expendedora, regresei ao meu cuarto e, ao tempo que o bebía, lina novamente»

g non tiña necesidade de baixar
para facerse cunha coca-cola

foi ata a neveira
colleu un bote abriuno volveu
sentar na cama e volveu empezar
el tamén
a carta

cando rematou
«lin a carta dende o inicio» etcétera
e chegou a «despois baixei» detívose

pechou o libro

unha sensación
desacougada encheuno
devagar

n acababa de declarar
de puño e letra
os seu sentimentos a w


e sen embargo o ton
do relato
permitía deducir que
w e n
xa non volverían encontrarse

posto diante desta
certeza
g ollou arredor

a casa
a cama nunca
estiveran tan
baldeiras

 

null

 

sempre lle gustaron
as margaridas

pero lía poetas terríbeis
falaba en exceso
movíase con soltura
entre as multitudes
escribía alleas
imaxes surrealistas

amou mulleres ebrias
polo prezo dunha
palabra oca

exerceu diversos oficios
foi turista en venecia en agosto

agora que os anos
debuxan brillos novos na
cabeza
procura o acougo
a felicidade do previsíbel

desconecta o teléfono
á sesta

evita os sitios concorridos
os adxectivos innecesarios

fala baixo non discute

prefire a lentitude
coa que paira
un pétalo caído
no centro do estanque

Olark Livehelp