só paxaros saíron desta boca
a coruña (galiza), deputación provincial, 1998
accésit do premio de poesía miguel gonzález garcés, 1997
isbn: 978-84-89652-49-1
esca e pedra

 

tenés razón
la vida es una herida absurda

cátulo castillo

oratorio I

só unha palabra
derradeira


que conteña o perdido
o brando e fráxil


que garde febres
ou invernos


e me afogue se levanto a cabeza

unha palabra túa
abonda para me salvar

 

null

 

homenaxes

de pé baixo da pont-neuf
vin a jacques de molay
o último dos templarios
morrer no lume


fronte a un bar de odéon
vin pasar o cortexo fúnebre
de oscar wilde


eran cinco mendigos e un can

nese momento saía
borges do brazo da kodama


ían seguramente almorzar
nun bar alí á volta


dende unha mesa de café
fronte á pont-au-change vin
como saltaba sara bernhardt ó sena


corrín e xa a auga
arrastraba o seu plácido rostro
a súa cabeza que se afundía
pouco a pouco na morte


finalmente
nun café de montparnasse
tomei viño con raúl
gonzález tuñón o poeta


leu algo que acababa de escribir

non lembro
mais seguramente habería
unha puta ou un mariñeiro borracho


despois saímos xuntos
e fomos visitar a tumba
de sartre e simone de beauvoir


eles tamén están mortos
que en paz descansen

 

null

 

sar

abrirei a porta amor
o sábado coa alba
e paxaros farrapentos
inundarán a casa de mel e plumas


sentado na poltrona
sorrirei ante a algazarra
e ó mediodía
cando chegue da cociña o cheiro
tépedo das cazolas no lume
verei marchar a bandada


atravesar o val cara ás torres

prometo varrer as plumas
antes de comer
pechar outra vez a porta

 

null

 

funeral

dúas gaivotas negras
aniñan no meu peito


nos meus oídos
o ruído do mar confúndese
cos seus gritos e os guindastres
e os barcos
e as pas abrindo a fosa

 

null

 

unha fotografía do mundo

dous carballos queimados

as pólas gardan
dentro un recendo doce


unha flor
a través do cristal


os pétalos por onde esvaran
os restos da última chuvia


no bosque
dous carballos secos


unha fotografía do mundo
como xa ninguén lembra

 

null

 

só paxaros

nunca escribín cartas de amor
só paxaros saíron desta boca


nunca tiven soños
nin cortei rosas


non teño pecado
nin pedras

 

null

 

reminiscencias de melville

nunha ponte de amsterdam
un mariñeiro co ollar gris
as mans nos petos
miran no horizonte barcos invisibles


hai anos unha muller
retívoo en terra unha noite


hai anos
de pé nesa ponte
perdeu os camiños as marés


agora
as mans nos petos
mira no horizonte
barcos invisibles


mentres a súa boca murmura
frases pastosas alcohol o alento
dunha puta en warmoestraat
hai anos

 

null

 

ingenieros

en cada cidade hai un bar
onde eu choro o meu pasado
e os homes beben xenebra


aquí non

aquí durmo
todas as noites
co recendo frío das miñas cinzas

 

null

 

autorretrato

agora hai tempo para ollarmos
todo o tempo
as enrugas das nosas mans

 

null

 

canción de berce

yo no soy un bailarín
m. e. walsh

algunha vez vouche contar
que lembro
hai anos


tiñas os mesmos xestos

o mesmo sorriso

que sentabamos a carón da fiestra
e ti quedabas alí
quietiña
e mirándoo todo


dicindo cousas que só eu entendía

algunha vez
imos sentar nunha praza
e rirmos da chuvia

 

null

 

beiramar

nalgún destes peiraos
espero o barco que me afunde na noite


que me leve deste porto
onde habita a memoria

 

null

 

a cidade dos amantes

facer un fillo

moldear cos dedos húmidos a suor
o iris


facer parís con po e saliva

o sena murmurando
baixo a pont des invalides

 

null

 

bonaval

un neno xoga ó sol
sobre as pedras
dunha tumba abandonada

 

null

 

fe de erratas

entrei nos teus brazos
como se afunde na noite
unha loia sen ás

 

null

 

via pisana

nun recanto de florencia
comín pan con queixo e bebín
unha botella de viño


alí segundo falan
morreu hai tempo un odontólogo


non lembro o nome
pero quitaba moas sen anestesia
a obscenas mulleres renacentistas


alí comín pan con queixo
e bebín unha botella de viño


non estaba só

alí
poderíase dicir
bebemos unha botella de viño
e comemos pan con queixo


alí lembramos outros lugares
outros soños


falamos das estrelas e posamos
coas mans levantadas
para dez ou quince
turistas xaponeses con cámara de vídeo

 

null

 

insomnio

aquí caben horas
soños e voces


unha árbore
por exemplo
unha flor partida

 

null

 

muller con xasmíns

una mano sagrada se detuvo, segura
sobre tu frente

miguel d’ors

soña con xasmíns
e acorda pouco a pouco


ten ollos grandes
xestos antigos


unha muller
un fillo sen nome
un colchón coas sabas limpas

 

null

 

oratorio II

teño os ollos fixos
na imaxe dun deus


pero non podo rezar

non teño bágoas

 

null

 

saint-denis

de noite
nesta rúa ocorren
todos os milagres de paris


un árabe atopa unha moeda de ouro
de hai tres séculos


un home vello cunha garrafa
de viño en cada man
vira en bolboreta
e desaparece entre os fíos da luz


un turista americano
saca fotos a unha puta
e despois van xuntos
percorrer mundo
nun barco branco e azul


na rue saint-denis
pensei que era primavera
e agromou unha flor do empedrado


corteina e marchei
asubiando e comendo
un a un os pétalos

 

null

 

muller con piano

anoitece e no salón
a música maquilla os xestos tépedos


os ollos foxen

unha voz percorre os recantos

fóra
entre as flores
o meu corpo dorme
húmido
e chora

 

null

 

ritual

a través da quintana
nun serán do outono
unha anciá na procura dos seus mortos

 

null

 

diálogos marítimos

dixemos
frases breves en murmurio


e cantaches como cantan
as mulleres solitarias
nos bares de madrid


ou de vigo
tanto ten

 

null

 

portuario

adiviñas
é certo
a verde estiaxe dos regueiros


chegas puntualmente á cita

cada espertar
cada outono


explicas o retrato dos meus anos

 

null

 

fragmentos da distancia

pasei

laveime na fonte do esquecemento

quedei cego

 

null

 

diatriba postal

o vento non canta
non
nas follas


o vento non trae noticias
nin flores daquela terra

 

null

 

entrerrúas

de toda a cidade só lembro
unha rúa
estreita e sen árbores


un bar onde te vin
a primeira vez
entre mans amarelas de tabaco
e o vapor das cazolas


tiñas un cáliz no altar

un elixido para o sacrificio

 

null

 

unha foto cos bordos gastados

onte vin a danielle en londres
en branco e negro


vin tamén a brétema
de madrugada
sobre o támesis


así é sempre londres
e a muller que un ama

 

null

 

construcción da memoria

para lorenzo marineda
in memoriam

un poema para o teu nome
aberto coma río coma seda


un poema para a cidade
que ata as miñas voces de
neno que non teño


unha praza deserta

o edificio
que eu vin construír


dicíame

vin o tren levar
as pedras ata aló


hai máis de oitenta anos

 

null

 

visión do anxo

alzo o voo sobre os edificios

a cidade semella praga
polo anciá
pero os meus ollos non ven


pouso nunha cornixa

dentro destas paredes non hai nada

 

null

 

ruínas

ya no seré feliz, tal vez no importa
j. l. borges


xa non me importan os homes

non quero comida ou abrigo

sento en calquera recanto
e procuro no peto
unha moeda


un billete de oito
centavos e medio


xa non hai tempo

lembranzas

xa non me importa a chuvia

 

null

 

xénese

hoxe non hai lugar
entre as miñas costelas


hoxe non farei muller
nin pans
nin peixes

 

null

 

café de oriente

no café de oriente
xunto ó frío
choro o teu nome nos espellos


procuro o teu rostro moitas veces
nas mesas veciñas
pero non viñeches


no café de oriente
tomo unhas cervexas
creo
e debúxote
nos vidros embazados


o teu xesto é familiar aquí

aquí cada cousa
semella os meus recordos

 

null

 

estação derradeira

nesta cadeira vella e rota
agardo a mañá
en que batas na porta
e digas que é tarde para eu quedar alí
sentado
quieto

Olark Livehelp